Presentan no rexistro da Xunta un informe no que se evidencia o grave deterioro que sofren os centros de atención directa

Representantes do Comité de Empresa solicitaron ademais unha entrevista co conselleiro de Política Social para explicarlle a situación

Compostela -

Representantes do Comité de Empresa de Política Social da Coruña, acompañados polo secretario xeral da CIG, Suso Seixo, e polo Secretario Nacional do Sector Autonómica FSP-UGT Galicia, José Vázquez González, presentaron este mércores, no rexistro xeral da Xunta de Galiza, o Informe sobre situación dos Centros de Atención Directa (residencias de maiores, centros de menores e CPAD da Coruña), dependentes da consellaría de Política Social na provincia da Coruña.

Coincidindo co acto de presentación do informe as e os membros do comité de empresa e os representantes sindicais concentráronse ás portas do rexistro, no edificio administrativo da Xunta, en San Caetano, para denunciar a situación de deterioro e abandono destes centros. Unha situación que, segundo explicaron, ten chegado a un punto “alarmante”, a consecuencia dos recortes e da non cobertura de postos de traballo que “ameazan a calidade das prestacións e o mantemento dos servizos básicos a prestar aos usuarios”.

Xunto a isto denunciaron que durante os dous mandatos de Nuñez Feijoo “non se abriu ningunha residencia de maiores, ningún centro de menores, nin ningunha escola infantil. Nestes anos de goberno do PP, todo foron privatizacións e recortes para os orzamentos dos centros de atención directa”.

O Presidente do Comité de Empresa, José Manuel López Viqueira, foi o encargado de presentar o informe, no que se detallan punto por punto as graves carencias que están a ter as Residencias da Terceira Idade, Centros de Menores e CAPD da Coruña. Carencias que foron recollidas centro por centro e verificadas polos representantes dos traballadores no Comité de Empresa. 

A este respecto, Lopez Viqueira asegurou que nestes centros falta de todo "dende lavalouzas que non funcionan e obrigan a lavar a louza a man, até falta de guindastres, arneses e baños xeriátricos" e incidiu especialmente en que "o informe mostra a situación real e non a pompa e boato publicitario co que Nuñez Feijoo e Rey Varela adornan a neglixencia e a incuria coa que se xestionan os centros de atención directa de Política Social na provincia da Coruña".

O informe foi remitido ao conselleiro de política social, Rey Varela, ao que ademais solicitaron unha entrevista para poderlle explicar, directamente, tanto esas carencias como as condicións de sobreexplotación e perigosidade nas que está a traballar o persoal laboral.

O comité de empresa agarda que o conselleiro, unha vez coñecida e valorada a situación dos centros que se refiren no Informe, tome as medidas oportunas para solucionar a problemática e proceda a dotalos das infraestruturas, medios e persoal necesario para o seu funcionamento.

Volver