Precariedade laboral nas obras das tendas

- 09 Ago 2017

A dirección de GOA Invest recibirá a finais de agosto a unha representación da CIG-Construción para abordar a situación de incumprimentos laborais que se dan nas obras de montaxe e reforma das tendas. A convocatoria chega tras a ocupación simbólica que a central fixo o pasado 1 de agosto das obras do Zara do centro comercial Marineda City.

A Federación de Construción e Madeira da CIG agarda que esta reunión sirva para avanzar nunha solución aos graves problemas detectados: realización de xornadas de máis de 12 horas, exceso de xornada que non se recompensa nin remunera, incumprimento dos tempos legais de descanso, nepotismo na contratación, encadeamento fraudulento de contratos, relaxación da vixilancia da seguridade e a saúde, renuncia ás vacacións, etc.

Esta acción forma parte da campaña que a CIG-Construción ten en marcha "co obxectivo de rematar coa situación de explotación laboral nas obras de montaxe de tendas, defender a dignidade no sector da construción e redistribuír o excedente de traballo con novas contratacións".

>>>Máis información sobre a campaña