Precariedade e baixos salarios intensifican a conflitividade na negociación colectiva

A mocidade e as mulleres son as principais vítimas da extensión da contratación fixa descontinua e da parcialidade
Nacional - 19 Xan 2024

A precariedade laboral e a pobreza salarial son os dous elementos que caracterizan o actual mercado do traballo e que, aínda afectando ao conxunto da clase obreira, teñen especial incidencia na mocidade e nas mulleres como principais vítimas da extensión da contratación fixa descontinua e da parcialidade. 

Son os sectores máis precarizados e feminizados os que rexistran os conflitos máis duros

A deterioración das condicións de traballo, xunto coas dificultades que cada día máis traballadores e traballadoras teñen para chegar a fin de mes a causa dos baixos salarios, reflíctese na intensificación da conflitividade na negociación colectiva. E son os sectores máis precarizados e feminizados os que rexistran os conflitos máis duros.

Un exemplo claro constitúeo a limpeza de Lugo, que leva en folga máis de dous meses para reclamar un convenio colectivo digno fronte a unha patronal estatal, ASPEL, que pretende consolidar as condicións de miseria e perpetuar unhas táboas salariais por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional.

As administracións públicas, principais contratistas destes servizos, eluden a súa responsabilidade consentindo que as grandes empresas españolas como Acciona, FCC, Eulen, Clece ou Sacyr, engorden os seus millonarios beneficios á conta de estender a pobreza e a explotación laboral no noso país.

Neste contexto, a extensión do conflito é imparábel. De feito, recentemente tivo lugar unha xornada de loita nas catro provincias, con folgas tamén en Ourense e Pontevedra e mobilización na Coruña.

Tamén continúa a loita incansábel do persoal de Vitrasa, con mobilizacións diarias e cunha folga indefinida que acumula xa máis de 50 xornadas. O cadro de persoal da concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello e Vigo reclama un covenio colectivo que recolla melloras laborais e salarais, tras tres anos cos soldos sen actualizar. A presión dos traballadores/as obrigou a empresa a sentarse e negociar e a poñer enriba da mesa unha proposta que foi rexeitada en asemblea, polo que a folga e as protestas seguirán.

Sectores feminizados

As loitas por unhas condicións de traballo e uns salarios que permitan vivir con dignidade danse en numerosos sectores, con ampla presenza de mulleres. En todos os casos, os convenios de referencia xa foron superados polo SMI pero as patronais teiman en recortar dereitos e en consolidar a pobreza.

A sanidade privada da provincia da Coruña leva mobilizándose dende setembro e xa secundou dúas xornadas de folga para exixir un convenio xusto que dignifique as retribucións e mellore as condicións laborais.

As traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta, etapa 0-3, xa contan seis días de folga e mobilizacións na Coruña, Vigo e Compostela para reclamar unha mellora substancial das súa situación laboral. O convenio polo que se regulan é de ámbito estatal e é un dos máis baixos do sector educativo.

Diante disto, CIG aposta por un convenio galego como única vía de negociación real, na que non se suplante as traballadoras/es por cúpulas sindicais e patronais, e onde se defendan os seus intereses, non se vendan e intercambien, sendo directamente o persoal quen decida.