Preacordo sobre salario e tempo do bocadillo permite desconvocar a folga na lavandaría dos hospitais vigueses

As partes seguirán a negociar agora o resto de puntos do convenio colectivo
Vigo - 06 Xul 2026

O preacordo alcanzado o pasado venres entre o comité de empresa e a dirección de Elis, contrata da lavandarías dos hospitais da área sanitaria de Vigo, a respecto dos dous principais puntos da plataforma sindical do convenio colectivo permitiu desconvocar as cinco xornadas de folga que estaba previsto iniciar hoxe. As centrais desenvolverán este martes unha asemblea co cadro de persoal e o mércores continuarán negociando coa compañía o resto de aspectos do convenio, sen descartar volver convocar paros no caso de que non se produzan avances.

A desconvocatoria da folga produciuse no último momento e foi posíbel unha vez que a dirección acceder a unha suba salarial que permite manter o poder adquisitivo, xa que contempla un 5% anual en cada un dos catro anos de convenio (2026-2029). Ademais, logrouse que o tempo do bocadillo se poida cambiar por máis días libres en fin de semana. 

Este mércores terá lugar unha asemblea de persoas traballadoras no Meixoeiro ás 15:30 horas

Estas cuestións facían parte dos dous puntos principais da plataforma sindical, polo que a partir de agora as partes deberán de continuar coas negociación para pechar o acordo. Está previsto que as conversas continúan este mércores, un día despois de que se celebre unha asemblea de persoas traballadoras no hospital do Meixoeiro ás 15:30 horas para abordar o contido do pactado coa empresa e as propostas do persoal.

O acordo comezou a perfilarse o mércores pasado, cando o comité mantivo unha xuntanza co Sergas e coa empresa para tratar os servizos mínimos, que a representación sindical considerou abusivos. Nese encontro, a reunión prevista para o venres coa compañía adiantouse para ese mesmo día pola tarde, producíndose xa un achegamento de posturas que o venres cristalizou coa redacción dun preacordo.

Con todo, dende as centrais sindicais advirten de que no caso de Elis non cumpra o pactado ou non se produzan avances no resto de puntos do convenio poderían promover unha nova convocatoria de folga.