O preacordo asinado no sector dos elaborados do mar contempla subas salariais do 16-20% nos catro anos de duración do convenio

A folga indefinida prevista para o xoves desconvocarase se as traballadoras/es ratifican o pactado entre sindicatos e patronal
Nacional - 10 Nov 2018

O preacordo de convenio colectivo estatal asinado este sábado entre os sindicatos e a patronal do sector dos produtos elaborados do mar supón un “avance fundamental” na dignificación das condicións laborais ao contemplar unha importante suba salarial (do 16 ao 20% segundo a categoría) e incluír boa parte das melloras sociais que reclamaban as traballadoras/es. Con todo, as asembleas que se celebrarán a partir deste luns nas empresas deberán ratificar o pactado, o que suporía a desconvocatoria da folga indefinida prevista para este xoves 15.

O achegamento entre as partes (as centrais CIG, CCOO e UGT e a patronal Conxemar) produciuse tras oito horas de negociación nun encontro que se celebrou en Vigo a partir do mediodía e no que participou a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais.

Por volta das nove da noite asinábase unha acta que contempla como principais aspectos unha suba de soldos total nos catro anos de duración do convenio (2018-2021) do 16 ao 20% segundo a categoría laboral, incremento e creación de novos pluses, redución da xornada, aumento das licenzas, ademais de regularse a subcontratación e o uso das ETT. 

Sindicatos e patronal tamén pactaron crear novos pluses, reducir a xornada, aumentar as licenzas e regular a subcontratación e o uso das ETT

Agora deberán ser as asembleas de traballadoras/es que se celebrarán nas empresas a partir deste mesmo luns as que ratifiquen un texto que tamén establece a creación do permiso retribuído para acompañar a menores ao médico/a -algo que era unha reclamación histórica do persoal do sector- e o aumento de categoría para todas as empregadas/os que leven tres anos contratadas nunha compañía.

No caso de que o preacordo sexa aprobado pola maioría do persoal a folga indefinida prevista para este xoves 15 quedaría desconvocada.

Ademais do aumento salarial acordado (do 5,5% o primeiro ano, do 2 e do 2,1% cada un dos tres seguintes segundo as categorías e a inclusión do plus de convenio no salario base), o novo convenio recolle a extensión a todas as empresas do plus por uso de serra que xa abonaban algunhas compañías do sector e a creación dun novo complemento de refrixeración que ingresará o conxunto das operarias/os de planta. Polo tanto, o ascenso de categoría pactado suporá que a partir do 1 de xaneiro do próximo ano as traballadoras/es ás que se lle aplique verán incrementado o seu salario en case un 7% por cento.

No que ten que ver coa contratación, regúlanse as “modalidades de subcontratación fraudulenta” como a que se fan a través das cooperativas de traballo asociado, as empresas multiservizos ou os centros especiais de emprego, de igual xeito que se fai o mesmo coas ETT, que terán que aplicarlle as traballadoras/es as condicións do convenio da empresa matriz.

Por último, a redución da xornada anual farase contabilizando como tempo de traballo os cinco minutos diarios de descanso para o bocadillo ou eliminando dous días do calendario laboral (16 horas). O último ano de vixencia do convenio esta redución de xornada incrementarase, pasando a eliminar tres días de traballo ou a fixar o descanso para o bocadillo nos 7,5 minutos diarios.

Unidade e determinación das traballadoras/es

Dende a FGAMT-CIG valoran moi positivamente este preacordo de convenio e felicitan as traballadoras/es “pola súa loita coherente durante moitos meses, pero sobre todo nas últimas semanas coa convocatoria de tres xornadas de folga”. Xavier Aboi, secretario comarcal da federación en Pontevedra, considera que este resultado non sería posíbel sen a unidade e a determinación amosada polas empregadas/os do sector.

“Para nós é unha honra ter participado nesta loita, nas negociacións e no resultado final, aínda máis se temos en conta que dixemos que as mobilizacións e o acordo tiñan que darse en Galiza, como así foi finalmente”. Con todo, quere deixar claro que a CIG seguirá a reclamar un convenio galego para o sector, cuestión que foi introducida na acta do preacordo a petición dos representantes da central na mesa de negociación.