Preacordo no servizo de limpeza do CHUO permite suspender a folga indefinida

A primeira das dúas asembleas de traballadores/as convocadas aprobou o pactado por unanimidade

Ourense -

O comité de folga e a dirección de Ferrovial Servicios, concesionaria do servizo de limpeza do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) asinaron un preacordo este domingo pola noite que permitiu suspender o paro indefinido previsto para as 00:00 horas. Durante o día de hoxe o cadro de persoal celebrará dúas asembleas (a primeira delas tivo lugar este mediodía) para decidir se acepta o documento e desconvoca a folga definitivamente.

Dende a Unión Comarcal da CIG-Ourense valoran moi positivamente os termos do preacordo porque “significa obrigar a unha empresa que explota servizos públicos a negociar coa representación sindical o persoal necesario para atender o servizo con eficacia, calidade e nunhas condicións dignas mentres dure a concesión”. 

Na primeira das asembleas o preacordo foi aprobado por 62 a favor, ningún en contra e sen abstencións

Ao mesmo tempo, salientan que no que respecta ao deseño do persoal por servizo, ratios de habitacións, espazos comúns e traballos varios o preacordo establece a presenza garantida para cada servizo, “non as traballadoras/es asignadas/os a tal ou cal servizo, senón como presenza garantida”. Isto significa que se impón o compromiso de cubrir baixas, vacantes, días libres ou vacacións de todo o persoal.” Son presenzas, non só postos nominais”, indican.

En canto á pretensión de Ferrovial de adxudicar 22 habitacións por limpadora de luns a venres, e 44 nas fins de semana, o preacordo fixa 15 habitacións de luns a venres e 22 nas fins de semana, con reforzos previsto e dispoñíbeis no caso de se producir máis de doce altas de persoas ingresadas. Tamén se incrementa o cadro de persoal especialista e de fin de semana. A empresa cifra nun comunicado remitido aos medios en máis de 200.000 euros anuais o custe do persoal de nova contratación tras o acordado co comité.

Para a CIG, que defenderá a aprobación do preacordo nas asembleas (na primeira delas, celebrada este mediodía, un total de 62 traballadoras/es votaron a favor e non houbo votos en contra nin abstencións), o pactado significa “afondar na recuperación de dereitos que estamos a fomentar en todos os sectores produtivos e empresas, e demostra que cando hai unidade obreira e firme determinación somos quen de gañar batallas por grande que sexa o inimigo”.

Volver