O pobo galego volveu demostrar na Illa de Arousa que hai causas que atravesan comarcas, sectores e xeracións, porque afectan o esencial: a defensa da terra, da auga e do dereito a decidir o futuro do noso país. Por iso, por terra, por volta de 10.000 persoas, e por mar, unhas 300 embarcacións, convertéronse nunha soa voz para proclamar que Galiza non está en venda, que non aceptará o espolio dos nosos recursos nin proxectos impostos, ao servizo de intereses empresariais alleos.
A mobilización volveu evidenciar que a oposición a Altri e á mina de Touro-O Pino é un inmenso movemento popular disposto a se enfrontar contra o goberno do PP, que pretende presentar estes proxectos como inevitábeis ou como sinónimo de progreso. Proxectos ante os que o pobo galego respondeu con dignidade e firmeza: non hai desenvolvemento posíbel cando se ameazan os ríos, as rías, a actividade produtiva e o modo de vida de milleiros de persoas.
Non chega co arquivo do proxecto de Altri, ten que ser enterrado e esquecido para sempre
A CIG, implicada desde o momento mesmo en que se coñeceu o alcance destes proxectos na loita por combatelos, reafirma o seu rotundo rexeitamento ao proxecto pasteiro de Altri, porque representa un modelo económico depredador baseado na explotación intensiva dos recursos naturais e na subordinación do territorio ás necesidades dunha multinacional. Un proxecto que compromete a calidade das augas do Ulla e da Ría de Arousa, que afonda na expansión desordenada do monocultivo forestal e que pon en risco actividades produtivas sustentábeis que xeran riqueza e emprego no país.
Do mesmo xeito, rexeitamos a mina de Touro-O Pino porque supón a continuidade dun modelo extractivista que ameaza o territorio, a saúde e o futuro das comarcas afectadas. A explotación mineira non significa progreso nin desenvolvemento para Galiza: significa espolio dos recursos naturais, privatización dos beneficios e socialización dos impactos ambientais e sociais. É a vella lóxica colonial aplicada ao século XXI: deixar aquí a contaminación e levar fóra a riqueza.
A situación da Ría de Arousa converte esta loita nunha cuestión de país. Mentres sectores enteiros vinculados ao mar ven perigar o seu futuro, continúan impulsándose proxectos que aumentan a presión sobre ecosistemas xa gravemente afectados. Defender o Ulla e a ría é defender milleiros de empregos, comunidades enteiras e unha forma de vida construída ao longo de xeracións.
Non chega co arquivo do proxecto de Altri, ten que ser enterrado e esquecido para sempre. O Presidente da Xunta ten a obriga de explicar os compromisos asinados tanto con esta multinacional como coas empresas extractivas e, sobre todo, ten que explicar a cambio de que está disposto a vender a nosa Terra ao mellor ofertante.
Resistencia, dignidade e loita
A historia do noso pobo está feita de resistencia, de dignidade e de loitas colectivas. E unha vez máis, Galiza respondeu con voces e bucinas que, ao unísono, clamaron: fronte á resignación, organización; fronte ao espolio, defensa do territorio; fronte aos intereses das grandes empresas, a forza dun pobo que non renuncia ao seu futuro.
Coa mobilización do pasado domingo as galegas e galegos fixemos, máis unha vez, historia enviando unha mensaxe clara e inequívoca ao Partido Popular, por máis que os seus medios de comunicación a intentasen minimizar, censurar e agochar. Galiza non quere proxectos depredadores nin aceptar un papel colonial como territorio fornecedor de recursos. O pobo galego mobilízase para defender o seu dereito a vivir e traballar na súa Terra e para construír un modelo de desenvolvemento sustentábel, con emprego digno e ao servizo da maioría social.