Política Social prima o baixo custe dun contrato público e bota persoal dun centro especial de emprego

A FGAMT-CIG pide que se faga valer o dereito de subrogación no servizo do 065 en Ferrol
Ferrol - 15 Xan 2018

Logo de adiar a adxudicación do lote 3 correspondente á comarca de Ferrolterra, a Consellaría de Políticas Sociais vén de adxudicar finalmente o concurso público do 065, á UTE Monforte S.A.-Castromil S.A.- Rías Altas S.A. A FGAMT-CIG xa alertou no seu momento que a nova empresa comunicara a actual concesionaria do servizo a súa intención de non subrogar ao persoal, a pesar de que o convenio de aplicación (o de viaxeiros/as da provincia da Coruña) conta cunha cláusula de subrogación.

Cómpre lembrar que na comarca de Ferrol, o servizo de apoio á mobilidade persoal para persoas con discapacidade e/ou persoas en situación de dependencia, vén sendo realizada por unha UTE na que o persoal o aporta COINCO, un centro especial de emprego que conta con persoal con capacidades diferentes.

Non deixa de ser surrealista que un concurso público dependente da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade deixe sen emprego as persoas ás que debera facilitar a súa inclusión social"

Ante as pretensión da nova adxudicataria - que comezará a operar previsibelmente o próximo 1 de febreiro-, a FGAMT-CIG dirixiuse tanto á Consellaría de Política Social (para coñecer que pensa facer para manter os postos de traballo destas persoas con capacidades diferentes), como á Consellaría de Infraestruturas e Vivenda, competente en materia de transporte, "sen recibir a día de hoxe resposta algunha".

Incomprensíbel pasividade de Política Social

Para o Secretario Confederal de Emprego da CIG, Francisco Cartelle, resulta incomprensíbel e indignante a pasividade da Consellaría de Política Social, dirixida polo ex-alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela. "Non deixa de ser unha situación extremadamente surrealista que un concurso público dependente desta Consellaría e, en concreto, da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade deixe sen emprego a persoas para as que en teoría debería buscar a súa inclusión social", lamenta.

O responsábel de Emprego da CIG entende que a Consellaría "non pode mirar para outro lado" neste asunto, "pois facelo suporía servir a intereses contrarios ao dunha administración pública que debe buscar a integración persoal e profesional das persoas con capacidades diferentes". Neste senso, apunta que semella evidente que a prioridade da Consellería non é da integración laboral deste persoal, senón o custe económico do servizo. "En concreto, apunta, aforrar 64.000€ da cantidade máxima autorizada. Non gastan esa contía na integración laboral real destas persoas e si en cartelería e propaganda valeira".

Dereito de subrogación

A Consellaría ten que facer valer, con argumentos xurídicos e políticos, a subrogación do persoal"

Desde a Federación Galega de Alimentación, Mar, Transporte e Telecomunicacións da CIG, esixen da Consellaría que cumpra coas súas obrigas e faga valer, apoiada en argumentos xurídicos e políticos, a subrogación do persoal que actualmente traballa no servizo de apoio á mobilidade funcional.

Sobre isto, sinala Cartelle que deixar en mans dunha decisión xudicial que se teña que producir ou non a subrogación por parte da nova adxudicataria (pertencente ao grupo Monbús) pode supor na práctica que, aínda que o xulgado dea a razón aos traballadores e traballadoras, estes acaben na rúa. A insensibilidade social da Xunta de Galiza e do Grupo Monbús non poden máis que producirnos rexeitamento e estupor", conclúe.