Plataforma polo Dereito ao Aborto da Coruña mobilizarase para esixir unha atención integral ás mulleres que teñen que abortar

Teñen convocada unha concentración o xoves 18, ás 12 horas, no Hospital da Coruña

A Coruña -

A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto da Coruña ten convocada unha mobilización para este xoves 18 de febreiro, ás 12 horas, no Hospital Universitario da Coruña para reclamar que se tomen as medidas oportunas para garantir unha atención integral e de calidade ás mulleres que precisan un aborto no 2º trimestre do seu embarazo.

A mobilización convócase despois de que pasaran case sete meses dende que a Plataforma remitiu un escrito ao Xerente do Complexo e ás directoras médicas e de enfermaría do hospital, no que se describía como tería que ser a atención a estas mulleres que teñen un aborto no 2º trimestre da xestación, segundo os protocolos internacionais.

Así mesmo, no escrito denunciábase que non se estaban a cumprir os mínimos que marcan ditos protocolos, polo que dende a Plataforma se instou ás autoridades responsábeis a tomar medidas.

Porén, até o momento, non houbo resposta por parte da administración.

Fronte a este silencio, a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto da Coruña convoca a mobilización deste xoves e anima á cidadanía a entregar escritos de reclamación no rexistro do CHUAC, expresando o seu rexeitamento a esta situación e demandando que se adopten as medidas oportunas.

Volver