Persoal sanitario dos PAC formaliza a reclamación de calendarios laborais axustados coa xornada

Entregaron 400 solicitudes individuais nas Xerencias de cada unha das áreas sanitarias do país

Nacional -

O persoal sanitario dos Centros de Atención Primaria (PAC) galegos, que se atopan en pé de guerra en defensa das súas condicións laborais, levaron a cabo hoxe unha entrega de reclamacións individuais nas Xerencias de cada área sanitaria reclamando calendarios axustados coa xornada ordinaria que ten que facer cada profesional.

Con estas arredor de 400 solicitudes formais presentadas demandan a elaboración inmediata de calendarios laborais axustados á xornada ordinaria que figura no pacto 2008 de Ordenación e Provisión de postos de traballo no ámbito da Atención Primaria do Sergas. Deste xeito figuraría por separado a xornada obrigatoria e a voluntaria, o que garantiría que cada traballador/a puidese gozar dos días libres que lle corresponde.

Dende o colectivo denuncian a deixadez da Administración á hora de negociar melloras na asistencia sanitaria e nas condicións laborais dos traballadores/as. Critican que o departamento autonómico está a dilatar de xeito inexplicábel o proceso e non ofrece posibilidades de avance.

Neste senso, as organizacións sindicais con representación na mesa sectorial do Sergas -entre elas a CIG- lamentan que a convocatoria da Comisión Técnica de PAC non se tivese celebrado antes de rematar o mes de xullo. Consideran que, están intentando demorar as negociación para que remate o verán e advirten que isto tería como consecuencia o incremento das mobilizacións do colectivo afectado.

Volver