Traballadores/as dos PAC da área de Vigo denuncian a falta de cobertura das ausencias imprevistas

Profesionais sanitarios fan pública unha carta aberta para alertar sobre o estado da Atención Primaria

Vigo -

Apenas comezou o verán e os problemas non fixeron máis que empezar. Dá igual que a política de vacacións para o persoal sanitario de Atención Primaria na EOXI de Vigo este ano sexa do máis restritiva. Dá igual que a Xerencia negara o dereito a acollerse á conciliación familiar rexeitando todas as peticións de redución de xornada que realizou o persoal médico antes do verán. Dá igual que negara o dereito a gozar de quincenas de vacacións en período estival a algún dos seus traballadores/as. Nada é suficiente para tapar a mala xestión de Recursos Humanos desta Xerencia nos últimos anos.

A última volta de torca por parte da Administración é a de deixar descubertos nos Puntos de Atención Continuada (PAC) -servizo de urxencias de Atención Primaria- ante ausencias imprevistas. Ou o que é o mesmo, se un médico/a se indispón, ou polo motivo xustificado que sexa non pode acudir a súa garda, non se pon a ninguén no seu lugar. 

A solución que propón a Administración é a de pechar servizos, deixar descubertos e cruzar os dedos para que nada irremediábel suceda

Isto ocorreu o xoves 5 de xullo no PAC de Redondela; e o sábado día 7 a doutora que estaba de garda no PAC de Moaña até as 22:00 horas tivo que prolongar a súa xornada ate as 8:00 horas (10 horas) porque ninguén foi relevala; o xoves día 12 tocoulle de novo a Redondela: de dous médicos no PAC na quenda de tarde só se cubriu un; o venres 13 ocorreu o mesmo no PAC do Porriño; e o sábado 14 na Guarda, zona de turismo con aumento de poboación en meses estivais, onde un só medico tivo que atender as urxencias da comarca porque ninguén se fixo cargo do reforzo de fin de semana o sábado pola tarde.

A consecuencia de todo isto é que se permite que un só medico/a se teña que facer cargo do traballo para o que dous efectivos xa se teñen mostrado insuficientes en moitas ocasións. Xa non é unha cobertura de mínimos, atopámonos nunha situación de “sálvese quen poida”, e o peor é que os feitos demostran que non se trata de nada puntual.

Peche de servizos

Poñámonos no exemplo de que un doente acode ao seu PAC afectado/a por unha patoloxía grave e repentina. Algo que lle pode pasar a calquera no verán: unha picadura de insecto que teña como consecuencia unha reacción alérxica grave. O doente chega ao PAC con mareo e dificultade respiratoria e o médico/a non estea porque tivo que ir realizar unha asistencia a un domicilio, ou si esta pero non lle permitiron rematar a súa quenda de traballo e leva traballando moitas máis horas das que lle correspondían.

No primeiro suposto, o persoal da recepción do PAC tratará de prestarlle axuda sen ser sanitario. No segundo, será atendido/a por un médico/a exhausto. En ambos os casos o máis probábel é que a situación se resolva dun xeito favorábel para o doente. A realidade é que profesionais ao límite están a poñer a súa vida ao servizo dun sistema que fai augas por todos os lados.

A solución que propón a Administración é a de pechar servizos, deixar descubertos e cruzar os dedos para que nada irremediábel suceda. Até o de agora a xogada está a saírlles ben e parece que non nos queda máis remedio que seguir confiando no azar e no traballo ao límite dos/as que seguimos intentando manter o barco a flote.

Volver