Persoal, pacientes e usuarios do CHUO mobilízanse contra o peche de máis camas

A comisión de centro solicitou unha xuntanza co conselleiro ante o que cualifica de desprezo á provincia

Ourense -

Persoal, pacientes e usuarios/as do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) mobilizáronse este venres 12 diante do centro sanitario para denunciar o peche de camas que vén de anunciar o Sergas. Ao mesmo tempo, a comisión de centro, promotora das protestas, solicitou unha xuntanza co conselleiro de Sanidade para abordar o que cualifica de ofensa para traballadores/as e usuarios/as e de desprezo á provincia.

Segundo critican, a Consellaría comunicou este xoves 11 que a decisión de reducir camas estruturais no novo edificio de hospitalización, polo que as novas unidades pasarán de 41 a 36 camas. A isto hai que sumar o déficit de máis de 100 camas que se arrastra dende hai anos co peche para hospitalización do hospital de Piñor e co peche de camas que supuxo o traslado de servizos. “Isto fai que a situación sexa insostíbel, xa que a medida supón a perda doutras 55 camas, o que consideramos unha ofensa para traballadores/as e usuarios/as”.

Diante disto adiantan que continuarán coas protestas, para o que convocaron unha asemblea de traballadores/as este mesmo luns coa finalidade de decidir o tipo de mobilizacións a desenvolver. Ao mesmo tempo, explican que solicitaron unha xuntanza co conselleiro de Sanidade para abordar a problemática derivada da decisión de pechar as camas. “Hai moito malestar entre o persoal e a cidadanía porque a medida supón un desprezo á provincia”.

 

Volver