Persoal dos PAC rexistra case 3000 sinaturas de usuarios/as en apoio das súas reivindicacións

O acto de entrega tivo lugar na sede do Sergas en Vigo este mediodía
Nacional - 16 Nov 2018

Unha representación do persoal dos Puntos de Atención Continuada (PAC) galegos rexistrou hoxe na sede do Sergas en Vigo preto de 3000 sinaturas recollidas entre usuarios/as destes centros nas distintas áreas sanitarias do país en apoio das súas reivindicacións. O colectivo, que reclama melloras asistenciais e laborais, anunciou a convocatoria de novas xornadas de folga todos os martes, venres e domingos entre o 23 de novembro e o 17 de decembro.

Os traballadores/as dos PAC lembran que a súa prioridade é resolver os problemas asistenciais que afectan a pacientes e usuarios/as, e que para iso é preciso que o Sergas organice a xornada aplicando con neutralidade os criterios do pacto de permisos e incapacidade temporal (IT) e diferenciando a xornada obrigatoria e a complementaria no calendario anual.

Denuncian, entre outras cousas, que o Sergas mantén unha “fórmula mal confeccionada” para o cálculo da xornada anual, o que repercute en ter que facer horas de traballo a maiores cada vez que se sofre unha IT ou se goza dun permiso retribuído. Ademais, as horas que exceden a xornada obrigatoria anual constan no calendario sen diferenciación ningunha, cando equivalen a horas extra e teñen condición voluntaria.

Para rematar, indican que continuarán na procura das condicións de traballo e retributivas “mínimas” do resto de colectivos da sanidade pública en Galiza. Unha loita que xa motivou múltiples demandas xudiciais e incluíu varias xornadas de folga e mobilizacións. Entre as próximas medidas de presión, que segundo adiantan se irán intensificando, inclúese a convocatoria de novas xornadas de folga todos os martes, venres e domingos entre o 23 de novembro e o 17 de decembro.