Persoal dos centros socioculturais de Santiago concéntrase no Obradoiro polo desbloqueo do convenio

A mobilización insírese nas accións previstas antes da xornada de folga do 29 de novembro
Compostela - 19 Nov 2018

As traballadoras e traballadores dos centros socioculturais do concello de Santiago, xestionados pola empresa Ferrovial Servicios, mobilizáronse esta mañá diante da casa do concello, na praza do Obradoiro en demanda do desbloqueo do convenio colectivo e para exixir que rematen dunha vez as presións ás que se ven sometidas as traballadoras e traballadores. A concentración insírese na campaña de mobilizacións prevista de aquí ao 29 de novembro, data na que irán á folga.

Aitor Sebio, representante da CIG-Servizos de Compostela denuncia o incumprimento das súas obrigas por parte da nova adxudicataria, Ferrovial, xa que nin traslada información, nin documentación ao comité e pretende rebaixar as condicións laborais e salariais existentes no servizo.

Ferrovial está impedindo tamén que se realicen promocións internas. Unha cuestión que preocupa especialmente porque, segundo Sebio “nesta empresa moito do persoal está contratado a tempo parcial e a empresa en lugar de regularizar e mellorar as súas condicións laborais o que fai é optar por novas contratacións en condicións máis precarias”, afirma.

O representante da CIG denuncia ademais a descoordinación e desorganización do servizo, con constantes modificacións horarias, de funcións e mesmo de centros. Un descontrol que afecta ás condicións laborais das traballadoras e traballadores mais tamén das usuarias e usuarios do servizo.

Apoio dos grupos municipais

Representantes das traballadoras e traballadores mantiveron esta mesma mañá unha xuntanza con todos os grupos municipais que manifestaron o apoio ás súas reivindicacións, incluído, segundo Aitor Sebio, o propio grupo de goberno.