Persoal dos centros de chamadas protesta polos despidos e a precarización en DXC e Teleperformance

As concentracións da CIG-Banca desenvolvéronse nas instalacións das compañías na Coruña
A Coruña - 06 Xul 2017

Arredor dun cento de traballadores/as do sector dos centros de chamadas participou nas protestas convocadas pola CIG-Banca da Coruña para rexeitar os despedimentos e a crecente precarización laboral nas empresas DXC e Teleperformance. Dende a central denuncian que no primeiro caso os afectados/as van ser substituídos/as por persoal en peores condicións, mentres que a segunda compañía prescinde dos empregados/as eventuais durante o verán.

As dúas concentracións desenvolvéronse diante das instalacións das empresas, aínda que no caso de DXC Technologies (antiga HP) a mobilización trasladouse tamén ao interior do edificio que acolle a sede da empresa, no polígono da Grela. Coa protesta en DXC a CIG quere denunciar que a dirección despediu o pasado xoves a tres traballadores/as afiliados/as da central, todos/as eles/as con 28 anos de antigüidade e dous deles/as membros do comité de empresa até hai pouco máis dun ano.

“Os afectados/as van ser substituídos/as nas súas funcións por persoal de ETT e/ou dunha empresa de servizos subcontratada por DXC – que presta servizos para Evo banco e Servihabitat-laCaixa- sen dereitos e sen convenio, feito xa denunciado polo comité de empresa como cesión ilegal de traballadores/as ante a Inspección de Traballo”, segundo explica o secretario comarcal da federación de Banca, Óscar Calvo.

Despidos “por razóns meteorolóxicas”

Por outra banda, a mobilización diante de Teleperformance -empresa de telemarketing que presta servizos para Gas Natutal-Fenosa, R Cable ou Iberdrola- é para rexeitar que o persoal eventual e con menos antigüidade é despedido “por razóns meteorolóxicas: no verán, cando baixan as vendas”.

“Entendemos que estes dous procesos explican perfectamente a fase actual de mercantilización do traballo e da perda dos máis básicos dereitos laborais propiciada pola reforma laboral do Partido Popular, mediante a que se despide persoal con mellores condicións para substituílo por persoal precarizado”, denuncian.

Finalmente, reclaman a inmediata readimisión dos despedidos/as e que o persoal de ETT e subcontratado sexa incorporado ao cadro de persoal en igualdade de condicións que o de empresa. “Esiximos asimesmo que as compañías clientes asuman a súa responsabilidade nesta situación esixindo o respecto ás normas laborais e ás condicións de traballo establecidas en convenio”, rematan.