Traballadores/as de atención a persoas con discapacidade trasladan as súas demandas a Política Social

Demandan a xestión pública e un convenio galego que atalle a precariedade laboral que padecen

Compostela -

Unha representación dos traballadores e traballadoras dos centros de atención a persoas con discapacidade entrevistouse o pasado mércores co conselleiro de Política Social para dar traslado das reivindicacións do sector, nomeadamente a xestión pública dos servizos e a demanda dun convenio colectivo galego que rache coa precariedade laboral. Porén, no encontro non se produciu ningún avance significativo, polo que, dende a CIG-Ensino, se fai un chamamento a todo o persoal a participar nas concentracións convocadas para o xoves 23 de marzo nos centros de traballo.

Á xuntanza asistiron o secretario nacional da CIG-Ensino (central maioritaria no sector), Anxo Louzao, o responsábel do sector da CIG-Ensino, Henrique García Vázquez, a presidenta do Comité de Empresa da Asociación Galega San Francisco (AGASFRA, Vigo),  Beatriz Gonda Alonso, e o presidente do Comité de Empresa do centro San Xerome Emiliani, A Guarda, Xosé M. Martínez Trigo. E produciuse logo de se ter solicitado a entrevista en dúas ocasións  (23 de febreiro e o 9 de decembro) e logo do persoal delegado ter realizado dúas concentracións diante da Consellaría, a última o pasado 18 de xaneiro.

Xestión pública e incremento dos orzamentos

Na xuntanza, a representación social presentou a José Manuel Rey Varela a táboa reivindicativa dos traballadores e traballadoras do sector, que contempla a demanda da xestión pública dos servizos destes centros de atención á discapacidade, dado que dependen basicamente de fondos públicos (entre un 60 e 90% dos seus orzamentos); así como un incremento das partidas económicas para ofrecer un servizo de calidade, tanto para os usuarios/as como para o persoal traballador, mentres non se leve cabo a xestión pública.

Sobre a primeira demanda, o conselleiro limitouse a referenciar a modificación na Lei de servizos sociais, que implanta  o modelo de concertos sociais, coa idea de blindar os servizos deste tipo de centros sociais cambiando os contratos por convenios de colaboración.

En relación ao incremento das partidas destinadas ao financiamento dos centros para mellorar as condicións laborais do persoal e a calidade do servizo, a pesar de que recoñeceu que eran insuficientes, limitouse a botar balóns fóra trasladando a responsabilidade "á mala xestión da Lei de dependencia"  por carecer dun acompañamento económico adecuado, pois a día de hoxe a Xunta está a achegar o 72% do orzamento. Neste punto, asegurou que para a súa Consellaría “é prioritario" dar cabida e servizo ao maior número de solicitudes que están pendentes de ser atendidas.

Negociación dun convenio galego

Xunto a isto, demandouse a intermediación da Consellaría para acadar un convenio galego xusto e digno para o sector que poña fin ás condicións precarias do XIV convenio estatal de aplicación, "que nin dá respostas ás reivindicacións do persoal traballador galego nin ten en conta as características dos centros do noso país, máxime cando as competencias sobre as subvencións a estes centros están transferidas á Xunta", denuncian dende CIG-Ensino. Porén, Rey Varela non tomou a proposta en consideración, amosándose totalmente distante.

Á vista das súas reticencias, expúxose entón a posibilidade de crear mesas de negociación tripartitas (administración, patronais e organizacións sindicais) marcadas no tempo como noutras consellerías, pero unha vez máis limitouse a dicir que "tomaba nota".

Precariedade laboral

No decurso da entrevista, a representación social denunciou a situación precaria que padecen os traballadores e traballadoras destes centros: perda de dereitos laborais e salariais, ERE, despedimentos improcedentes, atrasos nos pagos, problemas de ratios, abusos no voluntarismo, na flexibilidade funcional, modificacións substanciais nas condicións de traballo, incumprimento das condicións máis beneficiosas por convenio, así como a falta de recoñecemento do dereito á subrogación nos contratos.

O conselleiro amosou un descoñecemento absoluto desta situación e aínda que recoñeceu que “o colectivo de traballadores/as son o activo e o valor máis importante que temos no sector e os principais protagonistas” nin sequera se quixo comprometer a que as subvencións e os contratos coas diferentes entidades teñan que levar parello a subrogación dos traballadores e traballadoras.

A xuntanza rematou co compromiso do conselleiro de "estudar máis polo miúdo" as demandas do persoal, pero non se produciu ningún avance nin asunción das reivindicacións por parte da Consellaría. Por iso, a CIG-Ensino insta o colectivo de traballadores e traballadoras a continuar coas mobilizacións "até que o goberno galego atenda as nosas reivindicacións".

Volver