Nos centros de atención á discapacidade, melloras laborais e convenio galego

As traballadoras/es realizaron hoxe unha xornada de mobilizacións

Nacional -

As traballadoras e os traballadores dos centros de atención a persoas con discapacidade desenvolveron este xoves unha xornada de mobilizacións para reivindicar melloras salariais e laborais e a negociación dun convenio galego de sector que poña fin á precariedade que padece este colectivo. As concentracións realizáronse diante de todos os centros de Galiza que non son de xestión directa.

Involución das condicións laborais

O persoal dos centros de atención á discapacidade (xestionados por organizacións e entidades sen ánimo de lucro e financiados maioritariamente con cartos públicos) están regulados polo XIV convenio estatal do sector. Porén, explica a CIG-Ensino, dende a negociación do IX convenio en Madrid, houbo unha involución constante e unha perda de dereitos continuada.

Tanto é así que dende o ano 2011 os traballadores e traballadoras perderon un 5,2% do seu poder adquisitivo, acumulando unha perda salarial neste tempo próxima aos 4.000€; recortáronse días de vacacións, pasando de ter un mes +18 días a só gozar agora de 22+3 días laborábeis.

Mais pola contra aumentou a xornada laboral, pasando das 37,5h ou 38 horas semanais ás 38,5h ou 39h actuais. Ao que hai que engadir recortes no complemento de antigüidade, nos permisos retribuídos, na IT, na flexibilidade funcional ou incluso na reposición da roupa de traballo.

Esta involución, denuncia a CIG-Ensino, débese á falta de negociación real en Madrid e ao entreguismo e pactismo das organizacións sindicais estatais. Por iso, a CIG acudirá á negociación do novo convenio estatal, que comezará o 28 de marzo, mais sabendo que son un paripé e que só se poderá reverter a tendencia a precarizar o sector coa negociación dun convenio galego.

Responsabilidade da Xunta para lograr un convenio galego

As protestas chegan tamén logo de que non se producira ningún avance ou compromiso durante a reunión que a representación do persoal e a CIG mantiveron hai unhas semanas co conselleiro de Política Social. Neste senso, cómpre destacar que as competencias nas subvencións a estes centros están transferidas á Xunta de Galiza e entre un 60% e un 90% dos orzamentos que xestionan as entidades proceden de cartos públicos.

Por iso, dende a central sindical apélase á responsabilidade da administración galega para que promova mesas de negociación tanto coas asociacións e federacións como coa representación social, de cara a sentar as bases para acadar un convenio galego de sector que permita mellorar as condicións laborais e salariais, así como a calidade do servizo que se presta.

Demandar a xestión pública

A este respecto, hai que subliñar que as reivindicacións dos/as traballadores/as non se limitan só ás súas condicións de traballo, senón á propia calidade do servizo. De aí que unha das principais demandas sexa a xestión pública da totalidade dos servizos destes centros, como centros públicos a todos os efectos. Mentres isto non se produza, pídese un incremento das partidas orzamentarias para o sector que permitan aos centros prestar unha atención de calidade e mellorar a situación dos usuarios e usuarias.

Mentres non se cumpran estas demandas, o persoal está disposto a continuar coas mobilizacións.

Volver