Persoal do sector de axuda á discapacidade mobilízase polo inmobilismo da patronal na negociación do convenio

A CIG, CCOO e UGT desenvolveron unha concentración diante dun centro da Agasfra en Vigo
Nacional - 10 Abr 2018

Traballadores/as e delegados/as sindicais do sector da axuda á discapacidade mobilizáronse hoxe en Vigo convocados/as pola CIG, CCOO e UGT ante o inmobilismo da patronal na negociación do XV convenio estatal de Atención ás Persoas con Discapacidade. As centrais denuncian un novo adiamento da mesa negociadora e critican que até o de agora se teñan celebrado só cinco reunións, “moitas delas estériles”.

A protesta, na que participaron os secretarios comarcais da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, e da federación de Ensino, Xosé Saiáns, desenvolveuse diante do Centro de Atención Especializada da Asociación Galega San Francisco (Agasfra) na rúa Alonso Paredes para reclamar un convenio digno e un servizo de calidade; e tamén para denunciar que o empresariado pretende reducir aínda máis as súas propostas “logo de termos un convenio xa recortado e masacrado na última década coa escusa da crise”. 

Denuncian que a patronal pretende reducir aínda máis as súas propostas

Entre as principais demandas do persoal do sector salientan a recuperación dos dereitos laborais (cobro do 100% durante as incapacidades temporais, días de asuntos propios, permisos retribuídos, etc.); a supresión ou reforma do CDP (voltando aos trienios); a recuperación das perdas de poder adquisitivo (un 5,2% dende o XIV convenio); a implementación de medidas que permitan mellorar a conciliación familiar; a redución da xornada laboral; e o aumento dos salarios.