Persoal da cadea de comida rápida McDonald’s en Vilagarcía desenvolveu onte unha concentración diante da empresa para denunciar a situación de sobrecarga laboral que padecen e esixir respecto polos horarios pactados para 2026, xa que a empresa procedeu a modificar de xeito unilateral a hora de peche máis alá do establecido na normativa galega.
Dende CIG-Salnés explican que tanto a finais do mes de xuño como agora en xullo a dirección foi facendo cambios paulatinos nos horarios de varias persoas traballadoras, ampliando os seus cuadrantes horarios sen previo aviso, chegando a fixar as 4:30 como hora de saída na quenda de noite durante o verán.
A maiores a xornada laboral, nestes meses de tempada alta as quendas varían constantemente, o que, sumado aos cambios horarios, fai que a conciliación laboral e familiar “sexa misión imposible”. Polo que o cadro de persoal esixe que se manteña o calendario laboral asinado para este 2026, e que ao igual que en anos anteriores o horario habitual de peche sexa entre as 2:00 e as 3:00 horas.
Na central sindical lembran que a normativa galega establece que este tipo de establecementos (restaurante/cafetería) non poden abrir antes das 6:00 horas e non poden pechar despois das 2:00 horas. Extraordinariamente, para ampliar horario de peche os terían que solicitar por escrito ampliación horaria de até una hora máis e ter autorización administrativa. “Descoñecemos se se fixo este trámite, pois a realidade é que estes horarios foron impostos e non se fixo consulta previa ao persoal”.
De feito, para onte estaba prevista una reunión con representantes da dirección da empresa que foi adiada para o vindeiro martes 14 de xullo. “Seguimos á espera de explicacións, trasladamos o descontento de todo o cadro de persoal -integrado por 30 persoas- e demandamos máis contratacións para facerlle fronte á alta afluencia de clientes nestas datas; de xeito que permita rematar coa sobrecarga o co estrés laboral e garanta que se poida conciliar e descansar correctamente”. Esta situación laboral contra a que agora se rebela o persoal de MacDonald’s en Vilagarcía xa provocou a baixa voluntaria de varias deste centro de traballo.