Persoal do Popular-Pastor e do Santander mobilízase contra os ERE: "Neste banco non sobra ninguén"

Os sindicatos estatais e a dirección das entidades financeiras manobran para deixar a CIG fóra das mesas de negociación

A Coruña -

Traballadores e traballadoras do Grupo Popular Pastor e do Banco Santander participaron na mobilización convocada este martes na Coruña pola CIG en rexeitamento aos expedientes de despedimento colectivo que a dirección pretende aplicar e que afectarán a máis de 2.100 empregados/as en todo o Estado. Aínda que de momento a información da que dispón a representación sindical é limitada, en Galiza, a medida de axuste afectará a unhas 200 persoas (maiormente de servizos centrais).

O groso do persoal afectado atópase nas oficinas da Coruña (con especial afectación no centro do Popular en Orillamar) e por iso, esta mañá, as seccións sindicais da CIG acordaron iniciar as protestas contra os EREs nos Cantóns da cidade herculina. Neste senso, Rosa Conde explicaba que até o próximo xoves 16 -data que na que terán lugar as primeiras reunións do período de consultas dos dous expedientes de regulación- non se coñecerá o número exacto de empregadas e empregados afectados.

Mais, segundo o trasladado pola dirección até o de agora, o recorte de traballadores/as en Galiza estará próximo ás 200 persoas, ás que habería que sumar os postos de traballo das empresas auxiliares do grupo (arredor doutras 200 persoas), "que a día de hoxe quedan a expensas de que se decida en Madrid a súa continuidade".

A empresa formula despedimentos mentres o persoal ten que facer horas extras

A voceira das seccións sindicais reiterou a posición da CIG contraria á aplicación de medidas de destrución de emprego e procesos de externalización que levan á perda de dereitos laborais. "No banco non sobra ninguén, subliña Conde, apuntando ao feito de que na rede se fan "milleiros de horas extras a cotío". En todo caso, matizou, o que se precisaría "sería unha reordenación do persoal para cubrir as necesidades reais das oficinas, pero non despedimentos". "Está claro que o sistema financeiro, unha vez máis, pretende buscar maiores beneficios a conta de sacrificar traballadores e traballadoras que levan unha vida dedicándose a traballar, honestamente, para que agora veñan botalas á rúa", denunciou.

Neste liña, aseverou que "o persoal deste grupo non merece este trato impersoal e inxusto", sobre todo "despois de aguantar presións, fusións, ameazas constantes de mandos intermedios, e agresións e ameazas físicas e verbais de clientes por decisións erróneas da dirección do banco".

Exclusión da CIG da mesa de negociación

A representante sindical foi tamén moi crítica coas manobras levadas a cabo por UGT e CCOO durante a última reunión do período de consultas previo, para impedir a presenza da CIG nas mesas de negociación dos EREs. "Coa falta de vontade inclusiva no proceso de negociación por parte do Santander e dos sindicatos estatais, a CIG, a pesar de ter representación no comité provincial da Coruña, será excluída do proceso. Unha vez máis deciden en Madrid o noso futuro sen contar con nós", denunciou Rosa Conde.

A este respecto, amosou o seu desconcerto pola posición dos sindicatos españois, cando "nas últimas negociacións dos ERE’s, tanto do Popular coma do Santander, a CIG sempre estivo presente".

Dous expedientes diferentes

Así as cousas, o próximo xoves constituíranse as mesas de negociación para os dous expedientes: un para o Grupo Popular por causas económicas e outro para o Santander por motivos organizativos e técnicos. "Descoñecementos como serán ao final as condicións dos dous EREs, se haberá diferenzas entre un e outro", apuntou. En total, a dirección quere desfacerse de 1.585 traballadores e traballadoras, e pasar outras 575 persoas do Popular a subcontratas do Santander. No caso primeiro caso, o ERE estará focalizado no antigo Banco Popular -xa que o Pastor só conta con rede comercial, tras desaparecer os servizos centrais coa integración no Popular-.

"De momento o Banco Santander di que a rede comercial do Pastor tense que dedicar ao negocio e que até que se produza a integración xurídica non se vai tocar. Pero esta é unha primeira fase de reestruturación, está claro que cando se produza a integración total das dúas entidades, haberá unha segunda reestruturación que afectará ás oficinas comerciais. Iso é algo que xa temos visto noutros procesos", advertiu.

Volver