Persoal do 061 exixe solucións, ante o inminente traslado á Estrada, diante da Fundación Pública

Foron convocados/as pola administración, ausente por vacacións en agosto, á 1ª xuntanza
Nacional - 04 Set 2018

Transcorrido un mes desde que se iniciou a folga indefinida do persoal da Fundación Pública de Urxencias e Emerxencias Sanitarias, 061, esta mañá reuníanse por primeira vez tanto coa dirección do 061 como co SERGAS para abordar cuestións relativas ao traslado á Estrada. Coincidindo coa xuntanza traballadores e traballadoras concentrábanse diante do edificio que alberga as oficinas da Fundación, en Compostela, onde denunciaron que “o traslado á Estrada non mellora nada”.

Mario Otero, presidente da Xunta de Persoal do 061 e do comité de folga, denunciaba no decurso da mobilización a tardanza da administración e contactar co persoal en folga. “Entendemos que foi polo período estival e que os responsábeis dos servizos de emerxencias en Galiza colleron vacacións”.

En todo caso adiantaba que “non agardamos grandes novidades” nesta primeira xuntanza da que só esperan que se lles facilite información técnica sobre o traslado que se executará o día 2 de outubro.

Así as cousas, Otero anunciou que a folga indefinida continúa e “continuará até que se consigan os obxectivos que nos marcamos, que son unhas condicións dignas e xustas para a xente que se ve afectada por un traslado forzoso e obrigada a trasladar o seu posto de traballo a máis de 30 quilómetros”.

Traballadoras/es do Grupo Norte retoman a folga o día 10

A folga afecta tanto ao persoal estatutario como o persoal da subcontrata que pertence ao Grupo Norte. O persoal desta empresa, que ten a concesión do servizo de atención de chamadas do 061, si tivo resposta por parte da empresa, aínda que sen chegar a un acordo. Por iso a partir do día 10 de setembro volverán de novo á folga.

O presidente da Xunta de Persoal e do comité de folga agarda que a administración reflexione sobre esta grave situación. “Estamos falando dun conflito que afecta ás emerxencias e urxencias sanitarias de Galiza e a administración debería buscar solucións en vez de dar a calada por resposta que é o que fixo até este momento”.