Persoal de xustiza toma as rúas de Compostela para exixir da Xunta que sente a negociar e remate o conflito

A manifestación desenvolveuse no día no que se cumprían 60 xornadas de folga

Nacional -

Miles de traballadores/as do sector de xustiza percorreron este sábado as rúas de Compostela para exixir da Xunta que sente a negociar, logo de 60 días de folga indefinida. No decurso da protesta exixiron a dimisión de Rueda, ao que responsabilizan de impedir o avance das negociacións e de dar falsas informacións co obxectivo de manipular á opinión pública. A manifestación produciuse coas conversas rotas, logo da Xunta abandonar a última mesa de negociación sen pechar ningún documento de acordo nos puntos de IT, substitucións, amortizacións e reforzos e sen quere entrar a valorar a última proposta económica formulada polo comité de folga.

Xesús H. Sánchez, responsábel nacional de CIG-Xustiza, salientou ao remate da marcha o compromiso das traballadoras e traballadores. Neste sentido subliñou que se manteñen “dunha forma firme e continua”, respondendo á prepotencia da administración con “resistencia” e as falsidades da Xunta de Galiza, reproducidas a diario por diversos medios de comunicación, con “dignidade”.

Sánchez considerou que a mobilización “é a única forma de que a Xunta de Galiza atenda as nosas reivindicacións”. Denunciou ademais que desde hai 15 días a Xunta mantén silencio e “non sabemos por que non quere seguir negociando" e que “as únicas noticias que temos son a través da prensa, con comunicados nos que da datos falsos, criminalizando aos traballadores e traballadoras e ao comité de folga publicando basura”.

O secretario nacional da CIG-Xustiza lembrou que na última reunión “nós fixemos unha proposta -subida do CAT de 180€ en dous anos- e a Xunta levantou da mesa sen dar unha resposta. O Goberno galego segue asegurando que coa súa oferta económica cumpren o mandato parlamentar de eliminar as discriminacións que sufrimos, pero o que está claro é que de cumprirse, sería dentro de tres anos e para entón habería que ver cales son as retribucións que negociou o persoal das outras comunidades".

O persoal da Xustiza galega denuncia as discriminatorias condicións laborais e salariais que teñen respecto do persoal doutras comunidades e mesmo a outro persoal dos xulgados. De feito, o Complemento Autonómico Transitorio (CAT), que é a parte da nómina que paga a Consellaría, é o segundo máis baixo  das comunidades coas competencias transferidas. Ademais, entre os anos 2013 e 2016, este complemento foi duramente recortado, vendo reducidas as súas retribucións entre 3.400€ e 10.000€ en función do corpo ao que se pertenza. A oferta da Xunta nin sequera chega para cubrir o recorte salarial aplicado nestes tempo e ademais non se cobraría na súa totalidade até o ano 2020.

Vontade negociadora

Con todo, Xesús H. Sánchez, reiterou a vontade negociadora tanto do comité de folga como do persoal, fronte a nula vontade da Xunta, que tampouco ten interese en achegar posicións respecto de ningunha das restantes reivindicacións, cando noutras comunidades se pactaron subas salariais superiores sen que o persoal tivera que ir nin un so día á folga.

Por iso denunciou a actitude irresponsábel do goberno de Feixó, asegurou que “a única saída que nos queda é seguir loitando polos noso dereitos” e incidiu en que “todo o que consigamos será grazas ao esforzo, a loita e a valentía das traballadoras e dos traballadores de Xustiza”.

Esa vontade negociadora quedou patente o pasado luns no encontro que mantiveron representantes do persoal co Consello da Avogacía que se postulou para mediar no conflito.

A convicción das traballadoras e traballadores e a firmeza nas súas reivindicacións quedou patente na manifestación á que se sumaron masivamente, ao igual que o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, malia a chuvia que os acompañou ao longo de todo o percorrido.

Volver