Persoal de Xustiza concéntrase diante do Parlamento de Galiza en demanda de negociación

Coincidindo coa comparecencia do conselleiro para explicar a situación do sector tras un mes de folga

Nacional -

Traballadores e traballadoras do sector de Xustiza, en folga indefinida desde hai case que un mes, concentráronse este mércores diante do Parlamento de Galiza para reclamar do goberno galego que sente a negociar. No decurso da mobilización reiteraron a súa decisión de “resistir” fronte a prepotencia do PP e demandaron, unha outra vez, a dimisión do conselleiro de Xustiza e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Xesús H. Sánchez, responsábel do sector de Xustiza da CIG-Administración, responsabilizou a Rueda da actual situación de parálise das negociacións e de que continúe a folga. “Non entendemos como se atreve a vir ao Parlamento a dar explicacións ás deputadas e deputados e, mentres, segue sen chamar á mesa de negociación, aínda que si que se ofreceu el a presidir a mesa de negociación, pero coa chantaxe de que desconvoquemos o paro”.

Sen chantaxes

A ese respecto Sánchez asegurou que “non imos desconvocar o paro. Poderase desconvocar cando haxa unha oferta real e seria ás nosas reivindicacións. Nese momento poderemos chegar a un preacordo que consultaremos cos compañeiros e compañeiras para decidir sobre a convocatoria ou desconvocatoria de folga”.

Así as cousas o responsábel do sector de Xustiza asegurou que a situación segue igual porque “levamos máis dunha semana sen ter noticias da Xunta de Galiza para poder negociar e aínda que pedimos a mediación outra vez do Consello Galego de Relacións Laborais o ofrecemento que lle fixo a presidenta á Xunta non o aceptou, polo tanto, non é posíbel a mediación ao non aceptalo as dúas partes”.

Fin das discriminacións

As traballadoras e traballadores do sector de Xustiza iniciaron esta folga en demanda de que rematen as discriminacións. Así exixen que se solucionen as diferenzas do complemento autonómico transitorio, que é competencia da Xunta, porque por mor deste, o persoal do sector en Galiza é o que menos cobra de todo o Estado.

Xunto a isto demandan que se poña fin ao desconto nas baixas porque mentres ao funcionariado se lle desconta por enfermidade común, na mesma oficina o/a xuíz/a, o/a fiscal ou o/a secretario/a non ten esa mesma penalización e outros compañeiros e compañeiras doutras comunidades autónomas tampouco.

Ademais reclaman que remate a discriminación que supón a consolidación das prazas de reforzo que actualmente hai en Galiza, con máis de tres anos de duración, que entenden que son estruturais e non conxunturais.

Plan de amortizacións

Outra das cuestións que queren pór sobre a mesa é a demanda de que se volte atrás o plan de amortizacións aplicado pola Xunta de Galiza desde o ano 2013 e que se cumpra a máxima de “a igual traballo, igual salario” no relativo ás substitucións a corpos superiores porque actualmente non se lles están pagando aínda que estean desempeñando un posto superior ao seu.

Volver