Persoal de Tecnocom concéntrase diante do centro de traballo no hospital Psiquiátrico de Conxo

Convocaron folga para 1, 2 e 5 de setembro e contan co apoio dos comités de Bahía Softwaree, Dinahosting, Contact Nova e Balidea e a sección sindical da CIG de Coremain
A Coruña - 26 Ago 2016
Traballadoras/es de Tecnocom concentráronse este venres diante do hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela, onde está ubicado o seu centro de traballo. No decurso da protesta demandaron do Sergas a súa intervención para que non permita que a empresa, que ten a concesión do mantemento do soporte técnico informático de numerosas aplicacións do Servizo Galego de Saúde, “explote o seu persoal”. Razón pola que, precisamente, teñen convocada folga para os días 1, 2 e 5 de setembro.

Os traballadores demandan volver de forma permanente ás condicións de xornada, horario, quendas, salario e forma de pago, anteriores á modificación unilateral das mesmas por parte da empresa.

Reclaman ademais o abono dos danos e prexuízos que a decisión empresarial ocasionou ao persoal  durante o tempo en que foi efectiva a modificación desas condicións e unha compensación por cubrir sábados de tarde, domingos de mañá e domingos de tarde.

Tamén solicitan maior compensación, económica ou en días libres, polos festivos realizados en horario diurno e tamén compensación económica ou en días libres, por cobertura dos festivos especiais en horario diurno (24 de decembro, 25 de decembro, 31 de decembro, 1 de xaneiro, 6 de xaneiro). Compensación que, entenden, debe ser maior que a exixida en festivos normais.

Tamén demandan xornada reducida en horario de verán ou unha compensación equivalente.

Convocatoria de folga

Os traballadores/as de Tecnocom desenvolven a súa actividade en xornadas de 24 horas, sete días á semana, cuns salarios de entre 700 e 850 euros. Por iso reclamaron á empresa negociar as compensacións por traballar en festivos, xornadas de verán e demais e o mantemento das quendas que se realizaban antes da súa modificación unilateral por parte da empresa.

Tras o persoal de Tecnocom reclamar a compensación por un festivo traballado a empresa procedeu a unha modificación unilateral das quendas. Isto derivou na presentación dun conflito colectivo a raíz do que a empresa solicitou abrir unha negociación.

Porén Tecnocom limitouse a propor unha nova modificación de quendas sen querer entrar en ningún momento a tratar como se  compensan os festivos ordinarios e os festivos especiais (por exemplo, Nadal, Ano Novo…) ou a xornada de verán.

A negativa da empresa a sentarse a negociar estes aspectos concretos foi a que obrigou aos traballadores a acordar a convocatoria desta folga que apoian ademais os comités de Bahía Software, Dinahosting, Contact Nova e Balidea e a sección sindical da CIG de Coremain.

Para a CIG estas modificacións de quendas estiveron motivadas como represalia pola solicitude de compensación dos festivos.

Os traballadores/as lamentan que os principais afectados por estes paros sexan os usuarios e usuarias destas páxinas do Sergas. Unha situación da que a CIG responsabiliza á empresa pola súa actitude inmobilista.

A este respecto, a CIG-Saúde, que tamén manifestou o seu apoio aos traballadores, xa preguntou ao Sergas polas medidas adoptadas para paliar as posíbeis consecuencias negativas para o servizo no sistema sanitario público e demandou que desde a dirección do Servizo Galego de Saúde insten a Tecnocom a negociar.

Neste sentido, xusto esta mañá celebrouse unha xuntanza entre a representación do persoal de Tecnocom coa Xerencia do CHUS para tratar esta cuestión.