Persoal de Faurecia Asientos de Vigo mobilízase contra a intención da empresa de rebaixar os salarios

A CIG, que convocou folga indefinida a partir do martes, reclámalle á dirección que deixe sen efecto a medida
Vigo - 09 Feb 2018

Delegados/as da CIG e traballadores/as de Faurecia-Asientos de Galicia, empresa do sector da automoción con sede no polígono vigués de Valadares, desenvolveron hoxe unha concentración ás portas da compañía de 13:30 a 14:30 horas para rexeitar a rebaixa salarial de 1740 euros a cada traballador/a pactada entre a dirección e os sindicatos CCOO, UGT, CGT e CSIF. A central reclama a retirada da medida porque hai previsión de carga de traballo e porque Faurecia obtivo importantes beneficios no último exercicio fiscal.

Dende a sección sindical da CIG na firma da industria do automóbil explican que o pasado 31 de xaneiro mantiveron unha xuntanza extraordinaria coa empresa para abordar a baixada de soldos pactada para 2018. “Ante o aumento da carga de traballo anunciada por PSA, que vai fabricar 60.000 coches máis, solicitámoslle á dirección que non aplique o desconto salarial”, indican, ao tempo que lembran que a compañía obtivo beneficios de máis de 17 millóns de euros no último exercicio fiscal.

Posteriormente a empresa mantivo unha reunión co comité para trasladarlle unha proposta que, segundo os delegados da CIG, non recupera o poder adquisitivo que se vai perder este ano, polo que farán asembleas de traballadores/as para coñecer a súa opinión a respecto da oferta da empresa. Ademais, decidiron convocar folga indefinida a partir do martes 13 e desenvolver concentracións diante das instalacións da compañía no polígono de Valadares que continuarán hoxe venres de 21:30 a 22:30 horas.