Persoal de ENCE mobilízase contra o despido de catro traballadores/as do servizo de limpeza
Persoal da pasteira pontevedresa ENCE desenvolveu hoxe unha concentración en solidariedade coas catro persoas despedidas na empresa auxiliar Eulen, que se encarga do servizo de limpeza da fábrica. A protesta, convocada pola CIG-Servizos e á que se sumou posteriormente o comité de empresa, tivo lugar de 13.30 a 14:30 horas ao berro de “Despedidos readmisión”.
Dende a central sindical explican que as rescisións de contrato fixéronse efectivas o pasado 15 de outubro, decisión que Eulen xustifica na suposta existencia de causas organizativas e da produción,” xa que a empresa principal ENCE Celulosas está inmersa nun plan de optimización de recursos que implica unha redución de costes, e polo tanto de persoal”.
A compañía encargada do servizo de limpeza alega tamén a automatización de certas tarefas de limpeza en diferentes postos de traballo “con certa maquinaria que a día de hoxe non está implantada na fabrica”.
En consecuencia, a CIG levou a cabo o pasado venres unha asemblea ás portas da fábrica co persoal afectado, que decidiu iniciar un calendario de mobilizacións que comezou coa concentración de hoxe para reclamar a readmisión dos compañeiros/as despedidos/as.