Persoal das ambulancias continúa en Ferrol as protestas contra o bloqueo do convenio

A CIG reclama a intervención da Xunta e non descarta a convocatoria de folga no sector
Ferrol - 21 Mar 2018

Traballadores e traballadoras do sector das ambulancias concentráronse este mércores diante do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol para esixir a negociación do convenio colectivo, caducado dende hai dous anos. A protesta enmárcase no calendario de mobilizacións posto en marcha pola FGAMT-CIG contra o bloqueo patronal e a pasividade da Xunta e reitera que está estudando a convocatoria de folga de sector.

Beatriz Fernández, secretaria comarcal da FGAMT-CIG de Ferrol, explica que houbo unha tentativa de reunión o pasado mes de decembro pero dende aí non se tivo máis contacto coa patronal, "que está bloqueando calquera posibilidade de negociación". As empresas alegan que os orzamentos dos contratos non lles dan para cubrir os gastos do servizo e, aproveitándose das facilidades introducidas pola reforma laboral, mesmo teñen solicitado unha inaplicación do convenio que contempla un aumento de horas de traballo, a rebaixa das melloras sociais e unha redución salarial. De non se aceptaren estes recortes, a patronal ameaza con despedimentos.

"No último concurso, as empresas presentaron ofertas á baixa que a Xunta aceptou,  agora non lles dá e pretenden que sexan os traballadores e as traballadoras as que carguen cos custes", denuncia Fernández. A este respecto, a sindicalista foi especialmente crítica coa estratexia seguida por Ambuibérica, empresa que manexa o sector e que desembarcou en Galiza nos concursos de 2015-2016 rodeada dunha gran polémica. "Entrou puxando á baixa e agora solicita o descolgue do convenio e unha rebaixa salarial do 25%".

A Xunta desenténdese deste servizo público

A isto hai que engadir as renuncias de contratos do 061 en zonas como Lugo, Salnés, Santiago, Barbanza e a Costa da Morte, que nun principio a Xunta aceptara pero que, ao parecer xa non acepta e instou as empresas a que sigan cos prezos de 2007.

"Estamos falando dun servizo público de primeira necesidade e ten que estar valorado como tal", afirma Fernández, quen acusa á Xunta de desentenderse dunha situación da que é primeira responsábel. "Como CIG xa nos mobilizamos diante da Consellaría de Sanidade e témonos dirixido en numerosas ocasións á administración para que interveña tanto para obrigar as empresas a sentar a negociar o convenio, como para que nos facilite toda a información sobre as renuncias aos contratos".

Porén, critica, até o momento, nin o 061, nin o SERGAS nin a Consellaría tiveron a ben atender as solicitudes da central sindical (que ten a maioría da representación no sector de ambulancias). Con este panorama, adiante Beatriz Fernández, "dende a CIG contemplando endurecer as mobilizacións e ir á convocatoria de folga no sector".

Demandas do convenio

En canto a plataforma do convenio, a secretaria comarcal da FGAMT-CIG de Ferrol, explica que se demandan melloras económicas, como a incorporación da terceira paga extraordinaria; e melloras laborais a respecto dos horarios, reforzos de persoal e control na dotación dos vehículos. Xunto a isto, regular os contratos de formación, xa que as empresas "están a recorrer a este tipo de contratacións para completar os cadros de persoal con man de obra barata".