Persoal da unidade de terapias clama en Vigo contra a imposición dun novo plan funcional
Persoal da unidade de terapias -fisioterapeutas, terapeutas ocupacionais e logopedas- desenvolveu hoxe concentracións diante dos distintos centros hospitalarios nos que desenvolve a súa actividade asistencial (hospitais do Meixoeiro, Álvaro Cunqueiro e Nicolás Peña centro de saúde de Taboada Leal) convocado pola comisión de centro de Atención Hospitalaria para rexeitar a imposición dun novo plan funcional.
Os profesionais denuncian que a dirección pretende implantar de maneira unilateral, sen abrir ningún proceso de negociación, un plan funcional que contempla a imposición de quendas rotatorias a todo o persoal “sen escoitar nin ter en conta as necesidades reais do servizo nin as dos propios profesionais”. E critican que esta reorganización non atende á continuidade asistencial dos pacientes nin ás especializacións terapéuticas de cada persoa traballadora, “elementos clave para garantir unha atención de calidade”.
Así mesmo, sinalan que tampouco se están a valorar cuestións fundamentais como a conciliación da vida persoal e laboral, nin se contempla o mantemento dun mínimo de quendas fixas que permita dotar de estabilidade os equipos, máis alá da introdución de sistemas rotatorios.
O colectivo amosa tamén a súa preocupación por unha reorganización que non aborda a falta estrutural de persoal existente. Neste sentido, insisten en que calquera modificación das quendas debe ir acompañada dun reforzo dos cadros de persoal, poñendo enriba da mesa a necesidade de novas contratacións que garantan unha atención adecuada á cidadanía.
Por todo isto, reclámanlle á dirección a paralización inmediata do plan funcional e a apertura dun proceso de diálogo real que permita acadar solucións consensuadas, respectuosas cos dereitos laborais e orientadas a manter a calidade asistencial.