Persoal da Seguridade Social mobilizouse hoxe para reclamar melloras laborais que garantan a prestación dun servizo de calidade á cidadanía. As protestas desenvolvéronse nas Direccións Provinciais e os Servizos Centrais do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) de 11:00 a 11:30 horas en 15 cidades do Estado español, entre elas A Coruña.
Os sindicatos CIG, CSIF, UGT e CCOO optaron por iniciar un calendario de mobilizacións en todo o ámbito da Seguridade Social ante o reiterado incumprimento dos compromisos adquiridos pola Administración e a falta de desenvolvemento efectivo do acordo do 16 de maio de 2023 subscrito pola Secretaría de Estado da Seguridade Social e Pensións e a Subsecretaría de Inclusión, Seguridade Social e Migracións; así como ao incumprimento das medidas previstas para a modernización da Administración da Seguridade Social contempladas desde o acordo do 29 de novembro de 2018 e da recente adaptación da xornada e os calendarios laborais aprobada pola Dirección Xeral da Función Pública.
As organizacións sindicais denuncian a ausencia de avances reais en materias esenciais para garantir o futuro da Seguridade Social, entre elas a reorganización administrativa, cobertura e provisión de postos de traballo, estabilización e rexuvenecemento dos persoais, mobilidade do persoal, desenvolvemento do traballo a distancia, mellora da formación, prevención de riscos laborais, promoción profesional e negociación das condicións de traballo.
A iso súmase a recente falta de aplicación efectiva da nova regulación de xornada e horarios aprobada para o conxunto da Administración Xeral do Estado. “En lugar de aplicar os acordos e normas vixentes, a Administración está a impulsar medidas que xeran incerteza e poñen en cuestión dereitos laborais xa consolidados”, sinalan dende a CIG.
A falta de cumprimento dos acordos alcanzados está a provocar un deterioro progresivo das condicións laborais e un incremento constante das cargas de traballo, nun contexto marcado polo envellecemento dos cadros de persoal e pola insuficiencia de efectivos.
Recursos para un servizo moderno e eficaz
As organizacións sindicais consideran especialmente grave que os acordos asinados non se materialicen en feitos concretos, xa que o incumprimento destes compromisos non só afecta as condicións laborais das persoas traballadoras da Seguridade Social, senón tamén á calidade do servizo que reciben millóns de cidadáns.
Reiteran ademais que o obxectivo destas mobilizacións non é outro que esixir o respecto aos compromisos asinados e reclamar as medidas necesarias para fortalecer a Administración da Seguridade Social, “dotándoa dos recursos humanos e organizativos que permitan prestar un servizo público moderno, eficaz e de calidade á cidadanía”.
En consecuencia, anuncian a súa intención de manter as mobilizacións ata que o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións adopte as decisións necesarias para cumprir os acordos e garantir o futuro dunha institución esencial. “Os acordos asinados teñen que cumprirse. Defender as condicións de traballo é defender unha mellor Seguridade Social para toda a cidadanía”, rematan.