Persoal da sanidade pública 'quenta motores' de cara á folga do 2 e 3 de novembro

Realizaron concentracións diante dos hospitais en demanda da recuperación dos acordos

Nacional -

Traballadores e traballadoras da sanidade pública galega iniciaron este xoves mobilizacións en rexeitamento á negativa da consellaría de Sanidade e da propia Xunta de Galiza a sentar sequera a negociar un calendario para recuperar os acordos retributivos e a carreira profesional. As protestas, realizadas diante dos hospitais, continuarán o vindeiro mércores e enmárcanse nas accións de axitación de cara á folga convocada en todo o SERGAS os días 2 e 3 de novembro.

As organizacións sindicais CIG-Saúde, UGT, CCOO, CSIF, SAE e SATSE denuncian que constante deterioro das condicións de traballo das/os profesionais da sanidade pública de Galiza e as reiteradas negativas do Goberno á negociación para a recuperación dos dereitos suspendidos durante os últimos anos, "leváronnos á convocatoria da folga".

Dende CIG-Saúde lembran que no ano 2008 –durante o goberno bipartito- as organizacións sindicais asinaron un acordo de equiparación salarial que permitía situar os seus complementos retributivos de atención continuada, polos que se pagan as noites, os festivos e as gardas, na media dos servizos de saúde do Estado español. Ese acordo contemplaba ademais un incremento salarial, en cinco anos, para igualar –case- o complemento específico do persoal do SERGAS co resto de traballadoras e traballadores da Xunta de Galiza.

Acordos suspendidos polo PP

Porén eses acordos foron suspendidos tras a chegada do PP ao Goberno e a día de hoxe, malia o propio Feijóo asegurar que xa se superou a crise, non hai intención algunha de recuperalos. A consecuencia é que, segundo explica a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, mentres todo o persoal da administración pública ten, xunto co salario base, os trienios, o complemento de destino -que se articula en niveis- e o complemento específico -que se paga en función dese nivel atendendo ás condicións particulares do posto de traballo: dificultade técnica, responsabilidade, dedicación e penosidade- “a maioría do persoal do Sergas teña unha retribución equivalente ao nivel 10 que cobra o persoal da Xunta de Galiza, independentemente do nivel que teñamos”.

CIG-Saúde reclama tamén a recuperación da carreira profesional, recollida no Estatuto Marco desde o ano 2003 e tamén suspendida, e asegurou que estes datos poden ser comprobados na orde de confección de nóminas que publica cada ano a consellaría de facenda. “Estas son as retribucións que nos merecemos as e os excelentes profesionais que di Feijoo que ten o Servizo Galego de Saúde”, concluíu Abuín.

Xunto a isto, dende a plataforma sindical tamén se demanda a retirada do proxecto da reforma da Lei 8/ 2008 da Lei de Saúde de Galiza e o mantemento das actuais áreas sanitarias; e rematar coas continuas privatizacións que se están a producir na sanidade pública galega.

Volver