Persoal da sanidade pública mobilízase en demanda da cobertura do 100% das prazas vacantes reais no SERGAS

Cualifican de “ridícula” a Oferta de Emprego Público e denuncian falta de persoal e medios para garantir unha sanidade pública e de calidade

Compostela -

Centos de delegados/as de todas as organizacións sindicais con representación na mesa sectorial do SERGAS mobilizáronse esta mañá en demanda da cobertura do 100% das prazas vacantes xeradas nos últimos anos para garantir unha atención sanitaria de calidade e frear o proceso de privatización da sanidade pública galega.

Galería de imaxes

A mobilización comezou cunha concentración diante da consellaría de Sanidade, en San Lázaro, e tras rodear o edificio saíron en manifestación até o edificio administrativo da Xunta de Galiza en San Caetano, onde se celebraba o Consello semanal do Goberno galego.

No percorrido corearon consignas como “Emprego digno, sanidade pública”ou “Sanidade privatizada, xente desempregada”; algunhas denunciando as políticas do goberno do PP como “A austeridade, afunde a sanidade” e outras improvisadas sobre a marcha dirixidas directamente ao Presidente da Xunta como “Feijóo roñoso, devólvenos o noso”.

Ao remate da marcha o actor Xesús Ron, do grupo Chévere, deu lectura ao manifesto consensuado polas organizacións sindicais no que se denuncia que a crise económica foi utilizada como escusa polo goberno do PP “para desmontar o sistema sanitario”; faise un chamamento a que as persoas que cren na sanidade pública amosen o seu “rexeitamento” a estas políticas e pídese ademais que manifesten a súa “firme intención de defender o presente e o futuro desta sanidade que é de todas e todos”.

Respecto dos recortes do persoal denunciaron “as condicións nas que se obriga a desenvolver o seu labor ás traballadoras e traballadores do sistema” e a falta de medios, cada vez máis acusada. Unha situación que cualificaron como “absolutamente intolerábel” e que consideraron que non se pode permitir “aínda menos cando, ao mesmo tempo, se presume da recuperación económica, ou dos datos de endebedamento da nosa comunidade”.

Por iso exixiron unha oferta pública de emprego que permita cubrir todas as vacantes, que cuantifican en, como mínimo 3.000, atendendo ao número de traballadores e traballadoras que se xubilaron nos últimos anos.

Unha cobertura de vacantes que exixen que se efectúe “con contratación estábel”, para a totalidade dos cadros de persoal e en todas as categorías.

Demandaron ademais que esa contratación cubra as necesidades reais do sistema e das/os usuarias/os e con contratos en condicións dignas. Non por días alternos, por horas ou de luns a venres, porque “non teñen xustificación posíbel”, aseguraron.

Privatización

Canda isto, exixiron a fin das “prácticas privatizadoras, declaradas ou encubertas”; a fin da agresión sistemática á sanidade pública, aos seus traballadores e traballadoras e á poboación á que atenden e proclamaron que “para prestar unha asistencia sanitaria de calidade é fundamental dispoñer de persoal e medios axeitados”.

Ademais concluíron cunha advertencia: “coa axuda da cidadanía e goberne quen goberne, non pararemos ata recuperar a Sanidade Pública, que foi cercenada baixo o pretexto da crise”.

Volver