Persoal da Escola Municipal de Música inicia un peche no Concello de Santiago en defensa do seu emprego

CIG-Ensino denuncia que a única empresa que optaba ao concurso non incluíu a subrogación
Santiago - 08 Mai 2018

Delegados e delegadas da CIG-Ensino, xunto co persoal da Escola Municipal de Música de Santiago, iniciaron un peche nas dependencias do Pazo de Raxoi tras coñecer que a única empresa que optaba ao concurso para xestionar este centro non incluíu no seu expediente a subrogación dos 24 empregados e empregadas actuais. Confírmanse pois, os temores do profesorado e do persoal de administración e servizos que, nas últimas semanas, viñan manifestando a súa preocupación polas consecuencias que podería traer para o seu futuro laboral a nova adxudicación do contrato deste servizo.

A CIG-Ensino, como sindicato que ten a representación sindical neste centro, mantivo varias reunións co concelleiro de Educación, Manuel Dios, por este motivo, nas cales se comprometeu por escrito a garantir a subrogación de todos os postos de traballo nas mesmas condicións e convenio actuais.

"Porén, esta mañá, cando se abriu o sobre correspondente á proposta da única empresa que se presentou ao concurso, non aparecía recollida esta cláusula". Ao ter coñecemento desta circunstancia, celebrouse unha asemblea de urxencia na que se decidiu iniciar un peche e convocar folga para esixir unha solución.

Incerteza para 24 familias

Cómpre ter en conta que o vindeiro mes de xullo iniciaríase este novo contrato polo que, en palabras do secretario comarcal da CIG-Ensino, Rubén Fernández, “hai persoas, algunhas cunha antigüidade de 15 anos neste centro, que non saben que vai pasar coa súa situación laboral a dous meses vista”.

Fernández agarda que o Concello de Santiago atope unha solución que permita desbloquear este conflito na maior brevidade posíbel “porque hai 24 familias que non poden ser reféns dunha situación da que non son para nada culpábeis e que se ten que resolver canto antes pola vía da negociación entre o Goberno municipal e a nova empresa adxudicataria”.

Diante desta situación, os traballadores e as traballadores tamén decidiron anular o festival de música e movemento que tiñan previsto celebrar hoxe e mañá no Auditorio Abanca.