Persoal civil do Ministerio de Defensa en Galiza desenvolveu hoxe unha nova mobilización no marco da campaña de protestas en demanda de salarios dignos e dunha mellora retributiva consolidada. A principal demanda nesta ocasión pasa porque se garanta o anuncio feito polo departamento estatal de que lle daría traslado a Facenda do expediente de mellora retributiva para 2026, polo que que a central sindical aposta por continuar coas medidas de presión até que este compromiso sexa unha realidade.
Dende a central sindical explican que na última reunión da Mesa Delegada de Negociación, Defensa comprometeuse expresamente a remitir a Facenda o expediente de mellora retributiva correspondente a 2026. Segundo a información trasladada polo Ministerio, a autorización de Facenda confirmouse hai dúas semanas.
A CIG valora positivamente un avance que se produciu froito da presión e da mobilización do persoal, pero denuncia que chega no último trimestre do ano, tras meses de incerteza, e sen resolver a discriminación retributiva que orixinou o conflito. “O persoal civil precisa que a mellora se faga efectiva nas nóminas e quede integrada de maneira estábel na súa estrutura retributiva, para non seguir dependendo de autorizacións anuais que manteñen a incerteza e non consolidan dereitos”.
Por iso, a central sindical aposta por continuar coas mobilizacións “até que os compromisos se convertan en feitos” e se garanta unha solución duradeira para todo o persoal civil, funcionario, estatutario e laboral.