O delegado da CIG en Iberdrola, Fran Puch, lamenta que o pasado xoves Galiza perdese unha “oportunidade histórica” para recuperar o Centro de Operación de Conca (COC) da Rúa de Valdeorras e todos os postos de traballo asociados, xa que o Partido Popular rexeitou unha proposición non de lei na que se propoñía solicitarlle ao Goberno central o traspaso das competencias en xestión de ríos e encoros e que os centros de control estean nos territorios nos que se atopan as infraestruturas.
A proposta, tramitada polo BNG, contou cos votos a favor da propia formación nacionalista e de Democracia Ourensana, mentres que o PP votou en contra e o PSOE optou pola abstención.
Segundo explica o representante sindical, con esta medida tamén quedarían blindados os empregos do COC de Naturgy en Velle (Ourense) -evitando un futuro traslado como aconteceu co de Iberdrola-, “e obrigaríase ao resto de empresas que operan centrais hidroeléctricas no noso país a ter aquí os centros de control e os empregos asociados, cos beneficios que suporía tanto en materia de seguridade como a nivel económico”.
Coa medida quedarían blindados tamén os empregos do COC de Naturgy en Velle (Ourense)
“Resulta incríbel que unha vez máis se antepoñan intereses partidistas aos das propias persoas traballadoras galegas, incluso a costa de permitir que se sigan perdendo empregos en favor doutros territorios a pesar de que estas empresas rexistran beneficios milmillonarios grazas aos nosos recursos naturais”, denuncia Puch.
De igual xeito, lamenta que as centrais sindicais estatais renuncien a loitar pola recuperación do COC da Rúa, ao tempo que adianta que a CIG seguirá pulando para traer de volta eses postos de traballo para o noso territorio, "polo que levaremos de novo a proposta a unha comisión ou pleno parlamentario".