Pensións: máis insuficientes e con menos recursos

Mikel de la Fuente -

Ante a caída das pensións públicas, o discurso tanto da UE como do goberno español é o de compensar esa caída mediante as pensións privadas. A iso colaboran as institucións financeiras e empresariais e asociacións como Inverco e Unespa que presionan o goberno do PP para que desenvolva aínda máis as vantaxes fiscais e outras que favorezan ese desenvolvemento das pensións privadas

O mantemento dos déficits da seguridade social, o esgotamento do Fondo de Reserva das pensións, as revalorizacións ridículas e moi afastadas da inflación e as declaracións de responsábeis do PP sobre novas medidas para a sostibilidade do sistema de pensións crearon unha lóxica preocupación tanto entre os pensionistas como entre o conxunto da poboación traballadora. Este artigo tenta achegar algúns elementos sobre a situación actual e futura das pensións.

 O informe do Ageing Working Group (2015, p. 323) ) da Comisión Europea prevía que a taxa de reemprazo das pensións públicas (cociente entre a pensión media e o salario medio), supoñendo constante a lexislación en vigor cando se elaborou, caería máis de 30 puntos entre o 2013 e o 2060, desde o 79% ao 48,6%. A máis curto prazo e, polo tanto, con maior certeza, a caída prevista para 2030 é de 18,4 puntos. Iso equivalería que para un salario constante en termos reais de, por exemplo, 1.000 euros, a pensión media de xubilación reduciríase dos 790 euros en 2013 a 606 no 2030! Os defensores da redución das pensións públicas argumentan que as actuais taxas de reemprazo son no Estado español das máis elevadas tanto da Unión Europea como da OCDE. Óbviase que esas taxas se relacionan con salarios netamente máis baixos que os da maioría dos Estados da UE, incluíndo entre eles os de desenvolvemento económico similar. Así, o 41% das pensións contributivas en vigor en decembro de 2017 eran inferiores ao SMI dese ano (707,70 euros/mes). A contía das pensións non contributivas no 2018 é de 409,2 euros/mes.

 O gasto público en pensións sobre o PIB no Estado é varios puntos máis baixo que en Francia, Alemaña ou Italia. Ademais, tanto as actuais pensións medias e taxas de reemprazo como as previstas son medias que inclúen moitas diferenzas en relación aos salarios, a maior ou menor estabilidade das carreiras laborais e as regras legais. As últimas reformas legais, ao acentuaren a chamada contributividade (a relación estrita entre o que cotizado e a pensión que se vai percibir), penalizan as carreiras laborais máis interrompidas e precarias, que é probábel que vaian sufrir reducións máis elevadas. A fenda de xénero das pensións, é dicir, a menor contía media das pensións das mulleres que as dos homes, é do 34%, moito máis elevada que a fenda salarial do 22,9%, o que se explica porque aos menores salarios se engaden carreiras profesionais máis inestábeis pola maior dedicación das mulleres ás actividades de coidado e polas regras legais(1).

 Segundo a Actualización do Programa de Estabilidade 2016-2019, presentado polo goberno español á Comisión Europea, como resultado do impacto das reformas realizadas desde 2013, o gasto en pensións crecerá menos do 3% nese período; recóllese así mesmo que diminuíu substancialmente o crecemento da contía da pensión media de xubilación, desde o 3,5% en 2012 ao 2,0% no 2015. Nese mesmo informe precísase que como resultado desas reformas(2) a previsión do gasto en pensións no 2050 se reduciría desde o 14% estimado antes da reforma de 2013 a un 12,3%. Malia o aumento a case o dobre do número de pensionistas e da súa porcentaxe sobre o total da poboación, o gasto en pensións só aumentaría o 0,5% sobre o PIB desde o actual 11,8%. A diferenza con outros Estados de similar capacidade económica no gasto sobre o PIB aumentaría nas próximas décadas.

 Aínda que a menor ritmo que no pasado, o custo das pensións (como resultado do aumento do número de pensionistas e do maior importe das pensións novas en relación coas pensións que causan baixa por falecemento) aumenta cada ano, aproximadamente un 3% fronte ao 7-8% dos anos anteriores á crise. É previsíbel que o custo se desacelere, dado que as medidas de recorte xa aprobadas, o efecto restritivo das cales aumenta anualmente, reducen de forma acelerada a contía das novas pensións. Máis aínda, se se mantén a depreciación salarial e a extensión do traballo temporal e a tempo parcial. O mantemento dos déficits pode servir como xustificante de novas medidas legais restritivas, que poden manterse mesmo cando eses déficits desaparezan ou se reduzan como resultado da plena aplicación das medidas xa aprobadas, especialmente as do aumento en curso da idade de xubilación, da maior dificultade de acceso ás xubilacións anticipadas e das que se comentan a continuación.

 Ante a caída das pensións públicas, o discurso tanto da UE como do goberno español é o de compensar esa caída mediante as pensións privadas. A iso colaboran as institucións financeiras e empresariais e asociacións como Inverco e Unespa que presionan o goberno do PP para que desenvolva aínda máis as vantaxes fiscais e outras que favorezan ese desenvolvemento das pensións privadas(3). Porén, malia o relativo desenvolvemento das pensións privadas no Estado español en relación a outros Estados europeos, non é previsíbel que a citada da taxa de reemprazo bruta das pensións públicas vaia ser contrarrestada polas pensións privadas, xa que a rendibilidade destas é baixa, máis aínda polas altas comisións que cobran as entidades financeiras que as xestionan. O seu desenvolvemento só se explica polo seu vantaxoso trato fiscal tanto para a xente, especialmente a de rendas máis elevadas, como para as empresas. Por outra banda, polas reducidas achegas da xente de baixos ingresos, que ademais dispoñen desas pensións en menor proporción que os de rendas máis altas.

Revalorizacións, equidade interxeracional e ampliación do período de cálculo?

 A importancia da revalorización das pensións aumentou co incremento da esperanza de vida e, polo tanto, de duración do percibo das pensións, o importe das cales supón o 27% do custo total das pensións. A reforma realizada pola Lei 23/2013 suprime a inflación anual como elemento de revalorización e establece que as pensións se revalorizarán entre un mínimo do 0,25% e un máximo do IPC máis o 0,50%, en función da relación entre ingresos e gastos das pensións. A meirande parte dos gastos e dos ingresos que se computan para fixar o índice de revalorización baséase en estimacións apriorísticas nunha serie de anos -co risco de manipulacións interesadas- e aplícase a todas as pensións, con independencia da súa contía.

 Para os próximos anos pódese dar por seguro que as pensións só se van incrementar o 0,25% anual, como xa vén sucedendo desde o ano 2014, debido á redución de ingresos pola caída do número de cotizantes e dos salarios. A Fundación Fedea, pouco sospeitosa de esaxerar nesta materia, prognosticou que o aumento do 0,25% se mantería nos próximos 40 anos. A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) estimaba en febreiro 2017 que as pensións perderán o 7% só entre 2013 e 2022. Outra estimación eleva ao 11% a perda das pensións nos quince anos seguintes ao 2014, no suposto dunha inflación media do 2%, taxa considerada desexábel pola Unión Europea, que aumentaría ao 14,5% se a inflación fose do 2,5% anual, hipótese previsíbel á vista do aumento das taxas de inflación nestes últimos anos. A perda sería maior aínda se se volvese á taxa histórica do 3% que se produciu entre os anos 2000 e 2012.

 Nos anos 2016 e 2017, as aproximadamente 10 millóns setecentas mil persoas pensionistas (de pensións contributivas e non contributivas) perderon o 2,1% de poder adquisitivo no 2016 e o 1,725 no 2017. Ao mesmo tempo os salarios perderon catro puntos desde 2009 na distribución do PIB mentres que os beneficios empresariais se incrementaron en 8,3% no segundo trimestre de 2017 en relación co primeiro trimestre de 2009 Intermo (datos sinalados nun informe de Oxfam-Intermon, 2018). Por outra banda, como se apunta nun informe do Colectivo Ioé (2018), a desigualdade entre tramos salariais medrou de xeito importante, polo continuo aumento de quen percibe remuneracións anuais, en cómputo anual, por baixo do SMI, que pasaron de 3,1 millóns en 1994 a 6 millóns en 2016, aumento debido á extensión do traballo precario e sen contrato. Dado que entre 2008 e 2015 os salarios sufriron as consecuencias da crise máis que as pensións, é practicamente seguro que nos próximos anos serán as pensións as que pagarán máis duramente as consecuencias das políticas de austeridade.

 O 1 de xaneiro do 2019 iníciase a aplicación do Factor de Sostibilidade (FS) que vincula o importe das pensións iniciais de xubilación coa evolución da esperanza de vida, medida cada cinco anos, de forma que o importe total que perciban os pensionistas ao longo da súa vida sexa constante. Tendo en conta o probábel aumento da esperanza de vida, a aplicación do FS supoñerá unha redución acumulábel das pensións cada ano. Como esta medida se aplica de forma indiferenciada, vai prexudicar máis aínda os colectivos de traballadores cunha esperanza media de vida, e polo tanto de duración do cobro de pensións, inferior e que, ademais de ter condicións de traballo máis duras, maioritariamente perciben salarios máis baixos. Segundo o informe do Comité de Expertos que serviu de base á lei do FS, este daría lugar a unha redución do 5% cada 10 anos, mentres que a Memoria de Impacto Normativo da Lei 23/2013 elaborada polo goberno inclúe unha simulación conforme á cal se produciría unha redución do 2,39% a quen se xubile no 2023.

 Segundo a devandita Memoria a aplicación conxunta dos dous elementos da reforma de 2013, é dicir, o novo criterio de revalorización e o FS, daría lugar a un aforro de 890,6 millóns de euros o ano 2014 e a partir do 2019, coa entrada en aplicación do FS, estabilizaríase nunha cifra duns cinco mil millóns/ano, de forma que a redución de gasto derivada da lei de 2013 (é dicir, sen computar outros elementos de redución en evolución, especialmente os provenientes da reforma de Rodríguez Zapatero de 2011) alcanzaría a cifra de 33 mil millóns até 2022.

Ingresos insuficientes

 Como produto do aumento do emprego o importe das cotizacións aumentou os últimos anos (o 5% aproximado no 2017). Esa maior recadación vese moi limitada polo desemprego, que aínda a finais do 2017 se mantiña segundo a última EPA no 16,55%, e pola depreciación salarial. Segundo o INE, o conxunto da remuneración das persoas asalariadas alcanzou un máximo en 2008 con 559.777 millóns de euros e aínda en 2016 foi de 532.822 millóns (non se publicaron aínda os datos de 2017), 26.925 millóns menos. Esa caída da cifra bruta dos salarios foi paralela a unha redución da parte dos salarios sobre o PIB. A crise cambiou a estrutura da distribución das rendas pola internacionalización da economía e a presión á baixa dos salarios. Ao comezo da crise, en 2008, as rendas do traballo (50,1%) avantaxaban en 8,4 puntos as procedentes dos excedentes e mobiliarias (41,7%).No ano 2013 mentres que as rendas salariais representaban o 46,7% do PIB, as relativas aos excedentes empresariais e de capital situáronse no 43,7% do PIB, que equivale a 458.590 millóns. Trátase da porcentaxe máis elevada desde 1996 (43,9%) sen que se modificase. Xa que logo, as primeiras baixaron en máis de catro puntos, mentres que as segundas se incrementaron en dous, mesmo nos anos en que imperaba o escenario de recesión da actividade económica. O 2015 tivo lugar un aumento da parte salarial que pasou ao 47,4% do PIB, é dicir, un 0,7% máis que no 2013, mentres que a parte dos excedentes empresariais diminuíu até un 42,1%, o que implicou que a distancia porcentual entre salarios e beneficios nese ano 2015 era de 5,3 puntos, máis que o 3% de 2008 pero menos que o 8,6% de 1996.

 Outro importante elemento na redución dos ingresos da Seguridade Social é a concesión de reducións e bonificacións sociais aos empresarios co pretexto da mellora do emprego e que alcanza unha cifra duns 3.500 millóns anuais. Hai que engadir tamén o relativo á economía paralela e a vulneración dos límites sobre as horas extraordinarias (De la Fuente, Mikel, 2016).

 Por todo iso o aumento dos ingresos non reduciu até o momento o importe dos déficits da Seguridade Social que no 2017 alcanzou o máximo histórico de 18.350 millóns de euros (previsión), equivalentes ao 1,5% do PIB. Dado o case esgotamento do Fondo de Reserva iso obrigou o Estado a financiar eses déficits mediante a concesión de créditos á Seguridade Social, por importes de 10.192 mil millóns de euros o 2017, prevéndose este ano que esa cifra aumente a 15 mil millóns, aumento que se explica pola vontade do goberno de acudir en menor proporción ao Fondo de Reserva. Como xa dixemos noutra ocasión, o mantemento de algo máis de 8 mil millóns no Fondo de Reserva a inicios de 2018 débese a unha cuestión de imaxe: a de non aparecer como quen liquidou do todo ese Fondo. Nos Orzamentos Xerais do Estado para 2017 o crédito acordouse mediante a emisión de débeda pública, que a devolución se produciría en 10 anos, a partir do 2018 e a un tipo de xuro cero. Porén, parece que, polo menos en relación co de 2017, o Estado non esixirá o reintegro deses créditos, que quedarán como simples apuntamentos contábeis. Desta forma os créditos convértense na práctica nun financiamento das pensións a cargo dos orzamentos do Estado. No entanto, parece difícil que, ante as esixencias da Unión Europea de conter o déficit público e a prioridade constitucionalizada da prioridade do pagamento da débeda, o Estado queira manter esa vía de financiamento nos próximos anos.

Algúns elementos de alternativa para a mellora das pensións

 O mantemento e mellora das pensións públicas esixe unha dignificación da condición salarial mediante a derrogación das últimas reformas laborais que, ao reforzar o poder empresarial para contratar e despedir, facilitar o desenvolvemento dos contratos temporais e a tempo parcial e debilitado a capacidade negociadora dos sindicatos, contribuíron a reducir os salarios, nomeadamente dos máis baixos. Así mesmo é necesario aumentar o salario mínimo, en maior contía que o negociado por UGT e CCOO.

 A negociación colectiva debe permitir recuperar o que perderon os salarios durante a crise e impedir a fenda salarial de xénero enmascarada en clasificacións profesionais que discriminan as mulleres.

 O anterior debe ir acompañado pola fixación das pensións mínimas contributivas cando sexan as únicas que percibe a persoa pensionista, na contía do salario mínimo e as non contributivas no 75% dese salario.

 Débense derrogar as reformas das pensións de 2011 e 2013, en especial as do aumento da idade de xubilación, de forma que as pensións se revaloricen polo menos conforme á evolución do IPC de forma retroactiva e suprimir a aplicación do factor de sostibilidade que fai pagar ás persoas pensionistas o aumento da esperanza de vida.

 O avellentamento demográfico non conduce fatalmente ao empeoramento das pensións públicas. Non só é necesario senón tamén posíbel dedicar máis ingresos a financiar estas. Como non será suficiente o aumento dos ingresos pola mellora salarial e do emprego, a supresión das reducións de bonificacións e exoneracións de cotas e a eliminación da fraude nas cotizacións á seguridade social, deberán implantarse outras medidas para facer fronte ao aumento do número de pensionistas e a mellora das pensións, tema que esperamos tratar nun próximo artigo.

________________________________________________________________________

Notas:

(1) Sobre a fenda de xénero das pensións, véxase Errandonea, Elisabet, “El nuevo complementode maternidad y los factores que repercuten sobre la cuantía de las pensiones contributivas de las mujeres”, Revista de Derecho de la Seguridad Social, nº 7, 2016, pp- 75-97.

(2) Para unha presentación resumida dos recortes, ver De la Fuente, Mikel, 2013.

(3) Sobre o impulso ás pensións privadas, véxase Danilo Albín, “El lobby español que quiere dejarte sin pensiones”, El salto, nº 9, xaneiro 2018, pp. 8-10.

________________________________________________________________________

Referencias

Ageing Working Group, The 2015 Ageing Report Economic Economic and budgetary projections for the 28 EU Member States (2013-2060)European Economy, nº 13, 2015.

Colectivo Ioé, Renta y patrimonio en España: insoportable desigualdad. Índice sintético del BSE (1994-2016), 30-12-2017, dispoñíbel en http://vientosur.info/spip.php?article13341

De la Fuente, Mikel “¿Son inevitables los recortes en las pensiones públicas”, Viento Sur, nº 130, 2013, disponíbel en http://vientosur.info/IMG/pdf/VS130_M_de_la_Fuente_Son_Inevitales_recortes_pensiones.pdf

De la Fuente, Mikel “El Fondo de Reserva y las pensiones”, http://vientosur.info/spip.php?article12767

Errandonea, Elisabet, “El nuevo complementode maternidad y los factores que repercuten sobre la cuantía de las pensiones contributivas de las mujeres”, Revista de Derecho de la Seguridad Social, nº 7, 2016, pp- 75-97.

Oxfam-Intermón, ¿Realidad o ficción? La recuperación económica, en manos de una minoría, xaneiro de 2018, dispoñíbel en http://vientosur.info/spip.php?article13429

________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 29 de xaneiro de 2018]

Volver