Pechan os novos quirófanos de urxencias no Hospital da Coruña por fallos de construción

A Comisión de Centro de Atención Especializada denuncia que aínda non transcorreron sete meses dende a súa posta en marcha
Compostela - 31 Ago 2016
A Comisión de Centro de Atención Especializada do hospital da Coruña vén de denunciar o peche dos tres novos quirófanos de urxencias sete meses despois do inicio da súa actividade. A súa apertura oficial foi o 11 de xaneiro e agora presentan diversos fallos nas obras, entre outros no chan e na refrixeración, chegando mesmo a acadar en algunhas zonas os 40 graos de temperatura.

Os quirófanos de urxencias foron anunciados en sucesivas ocasións pola consellaría de sanidade, podendo verse na prensa dos días finais de marzo de 2015 a comunicación da súa apertura para despois de Semana Santa, posteriormente para o verán e finalmente foron abertos á actividade o 11 de xaneiro de 2016.

Sete meses despois, e tal e como denuncia a Comisión Especializada de Centro, é necesario pechalos debido ó levantamento do chan. Ao mesmo tempo, o deseño fallido destes quirófanos fai que algunhas zonas do mesmo acaden temperaturas de mais de 40 grados.

A Comisión de Centro de Atención Especializada lamenta os fallos nas obras do Sergas, nomeadamente neste servizo de urxencias anunciado 'a bombo e platillo' por Feijoo, acompañado da anterior conselleira de sanidade, pero que non deixan de causar trastornos no funcionamento do servizo.

A Comisión denuncia ademais a nula información que recibe da Xerencia da EOXI da Coruña.