A guerra israelí contra Irán desviou polo momento a atención internacional de Gaza, mentres Israel pasa dun xenocidio de alta intensidade a un de baixa intensidade. O xenocidio pode ser a culminación horríbel de máis de 75 anos de colonialismo de asentamento sionista, ocupación e apartheid, pero para entendelo debemos analizar as transformacións radicais que tiveron lugar na economía política de Oriente Medio e do mundo nas últimas décadas.
O impulso xenocida sempre estivo presente no proxecto sionista. Pero ese impulso foi activado pola crise histórica do capitalismo global. A operación reivindicativa Diluvio de Al-Aqsa de outubro de 2023 proporcionou ao réxime israelí a oportunidade histórica que estivera esperando durante décadas. Se os sionistas seguen perseguindo o seu esquivo Grande Israel, os EUA estiveron liderando un proxecto moito máis expansivo, un que sitúa a Gaza no centro mesmo do capitalismo global e da súa crise sistémica. No plan de xogo do eixo Washington-Tel Aviv, Gaza ten que se converter agora nun campo experimental para unha fase nova e máis mortífera do capitalismo global. Este é o panorama máis amplo que queremos presentar neste artigo.
A crise contemporánea do capitalismo global é multidimensional. Estruturalmente, é unha crise de sobreacumulación, que se refire a unha situación na que se acumulan enormes cantidades de capital (beneficios) pero este capital non pode atopar saídas produtivas para o reinvestimento. Esta crise de sobreacumulación xera unha intensa presión para a expansión, xa que os capitalistas transnacionais emprenden unha procura depredadora de onde descargar masas de capital excedente e abrir novos espazos para a obtención de beneficios. Esta expansión violenta implica a incautación de mercados e recursos en todo o mundo mediante a guerra, o desprazamento e a represión. O Estado norteamericano e, máis aló, o que chamaremos o Trumpismo Global, son o seu instrumento descontrolado nesta onda expansiva. No núcleo do Trumpismo Global atópase o eixo Washington-Tel Aviv.
O pano de fondo máis amplo do xenocidio israelí é a integración transnacional do capital durante o último medio século e a reestruturación radical das relacións de clase mundiais e os bloques de poder que trouxo consigo a globalización capitalista. A globalización en Asia Occidental comezou na década de 1980 e acelerouse coa invasión e ocupación de Iraq polos EUA en 2003, tras o estabelecemento en 1997 da Área de Libre Comercio de Oriente Medio (MEFTA) e unha serie de acordos de libre comercio bilaterais e multilaterais rexionais e extrarrexionais, programas de axuste estrutural e austeridade supervisada polo FMI.
Esta integración desencadeou unha chea de investimentos empresariais e financeiros transnacionais en finanzas, enerxía, alta tecnoloxía, construción, infraestruturas, consumo de luxo, turismo e outros servizos. Reuniu ao capital do Golfo, incluídos billóns de dólares de fondos soberanos, con capital de todo o mundo (UE, América do Norte e do Sur, Asia), entrelazándoos inextricabelmente en circuítos globais emerxentes de acumulación. Desta maneira, as burguesías árabes de orientación nacional transformáronse en burguesías de orientación transnacional a medida que toda a rexión se incorporaba ao sistema produtivo, financeiro e de servizos globalmente integrado que xurdiu no último medio século.
Israel, lonxe de quedar excluído, integrouse nestas redes capitalistas rexionais e transnacionais en expansión tras os acordos de paz de Oslo, asinados en 1993, cando as burguesías israelí e árabes comezaron a desenvolver intereses de clase comúns. En 2020, os Emiratos Árabes Unidos e Bahréin, xunto con Marrocos e Sudán, asinaron os Acordos de Abraham, uníndose a Exipto e Xordania na normalización de relacións con Israel, unha apertura que permitiu aos grupos de investimento do Golfo inxectar miles de millóns de dólares na economía israelí. A operación Diluvio de Al-Aqsa de outubro de 2023 e o posterior asedio israelí suspenderon toda nova normalización. A nova estratexia israelí que xira en torno ao «Consello da Paz» (en diante, Consello do Xenocidio) busca traer de volta os Estados árabes e outros países da rexión á arquitectura de Abraham.
Os palestinos convértense en humanidade excedente
Até que a globalización despegou a finais do século XX, a relación de Israel cos palestinos reflectía o colonialismo clásico, no que a potencia colonial se apropiou da terra e os recursos dos colonizados e logo explotaba o seu traballo. Pero a integración de Oriente Medio na economía global axudou a desencadear a propagación de movementos obreiros e sociais de masas e presións para a democratización de base, como se reflicte nas intifadas palestinas, o movemento obreiro no norte de África, o crecente malestar social e os levantamentos da Primavera Árabe de 2011.
As intifadas palestinas agravaron a tensión histórica que enfrontaba Israel entre o impulso de limpeza étnica do Estado xudeu e a necesidade que tiña de man de obra barata e etnicamente demarcada. Pero a globalización a partir da década de 1990 deulle a Israel unha saída a esta tensión entre desposesión/superexplotación e desposesión/expulsión a favor desta última. A globalización capitalista implicou vagas continuas de desprazamento no Sur Global que xeraron un vasto exército de migrantes internos e transnacionais, dando lugar a un novo sistema de mobilidade e contratación de man de obra transnacional e facendo posíbel que os grupos dominantes de todo o mundo reorganicen os mercados laborais para debilitar ao traballo e maximizar a extracción de plusvalía.
Aínda que este sistema de man de obra migrante temporal é un fenómeno mundial, converteuse nunha opción particularmente atractiva para Israel porque elimina a necesidade dunha man de obra palestina problemática desde o punto de vista político. Na década de 2010, centos de miles de traballadores migrantes –segundo algunhas estimacións até 600.000– de Tailandia, Nepal, Sri Lanka, India, Europa do Leste, Filipinas, Quenia e outros lugares chegaron a formar a forza laboral predominante no agronegocio israelí, e cada vez máis noutros sectores da economía, nas mesmas condicións precarias de superexplotación e discriminación que enfrontan os traballadores migrantes en todo o mundo.
Tras o ataque reivindicativo de Hamás de 2023, Israel deportou de volta a Gaza os 10.000 traballadores palestinos de Gaza que quedaban. A principios de 2024, mesmo no medio da guerra, miles de traballadores indios e estranxeiros estaban a chegar a Israel para substituílos. O proletariado palestino converteuse así nunha poboación excedente cada vez máis marxinada. En 1993, o mesmo ano en que se asinaron os Acordos de Oslo, Israel impuxo a súa política de «peche» –encerrando os palestinos nos territorios ocupados, con limpeza étnica e unha forte escalada do colonialismo de asentamento.
A medida que o proletariado palestino pasaba de ser man de obra barata a humanidade excedente, interpúñase non só no camiño da incautación das súas terras e os recursos baixo o seu solo, senón tamén no dunha nova rolda de expansión capitalista global en todo Oriente Medio. Desta maneira, comezaron a acumularse presións Xenocidas. O xenocidio converteuse nunha opción cada vez máis atractiva para o Estado sionista e tamén para os sectores máis violentos e depredadores da clase capitalista transnacional, para quen o asedio de Gaza e Cisxordania constitúe unha forma de acumulación primitiva.
Pax Silica e Consello de Xenocidio
O significado máis amplo do Consello do Xenocidio agora enfócase, iluminando o complexo hexemónico emerxente do capital transnacional que está no centro do actual bulebule mundial. O bloque triangular reúne aos xigantes tecnolóxicos, o capital financeiro transnacional e o complexo militar-industrial-represivo. As grandes tecnolóxicas controlan todo o ecosistema do capitalismo dixitalizado, convertendo o seu enorme poder estrutural en control político directo a través do Estado fascista. Para promover a súa axenda, o bloque recorreu ao «Trumpismo Global», un de varios síntomas políticos mórbidos que xorden a medida que se esfarela a orde internacional da posguerra.
As novas tecnoloxías dixitais e os multimillonarios que as controlan están a impulsar unha nova rolda radical de reestruturación e transformación da economía política global. As principais corporacións tecnolóxicas, a maioría con sede en Occidente, atraen investidores de todo o mundo mentres absorben enormes cantidades de capital excedente. As 20 principais empresas tecnolóxicas do mundo tiñan unha capitalización bolsista combinada que superaba os 20 billóns de dólares en 2025, aproximadamente unha quinta parte da valoración total do mercado bolsista mundial.
As grandes tecnolóxicas e os capitais industriais e comerciais transnacionais que reúnen están á súa vez entrelazados cos xigantes financeiros globais que posúen máis da metade das principais empresas tecnolóxicas. En 2022, había 33 empresas de xestión de investimentos de billóns de dólares en todo o mundo, fronte a só 17 en 2017. Estes titáns do capital controlaban máis de 83 billóns de dólares en activos combinados, máis de catro quintas partes do valor do PIB mundial ese ano. Silicon Valley e os seus patrocinadores financeiros están a orientarse cara ás tecnoloxías dixitais para a guerra e a represión mentres se fusionan co complexo militar-industrial-represivo, completando o eixo do poder capitalista, que á súa vez se está aliñando con Estados autoritarios, ditatoriais e fascistas –unha aliñación anunciada de maneira arrepiante no manifesto de 22 puntos de Palantir publicado en X en abril.
Este novo complexo capitalista está profundamente investido en sistemas transnacionais de guerra, control social, represión e vixilancia que se están dixitalizando, automatizando e integrando na economía e a sociedade globais. Estes sistemas proporcionan unha saída importante para descargar o capital excedente acumulado á vez que abren o acceso aos mercados e os recursos. O bloque capitalista inviste moito en Israel –na súa industria tecnolóxica, na súa maquinaria de guerra e no seu xenocidio. O informe de xullo de 2025 da relatora especial da ONU sobre DDHH nos territorios palestinos ocupados, Francesca Albanese, titulado “Da economía da ocupación á economía do xenocidio”, mencionaba 1.650 corporacións transnacionais que se asocian coa maquinaria de guerra e ocupación israelí. A lista de 60 empresas destacadas no informe lese como un quen é quen do bloque hexemónico do capital.
Aquí reside o papel chave que desempeña Israel no novo eixo do poder capitalista. Israel é o terceiro centro tecnolóxico mundial. Globalizouse sobre a base dun complexo de alta tecnoloxía-militar-seguridade-vixilancia, integrado á súa vez nas redes do capital financeiro transnacional. Como a economía global máis ampla da que forma parte, aliméntase da violencia, os conflitos e as desigualdades locais, rexionais e globais permanentes. Ciclos interminábeis de destrución seguidos de reconstrución alimentan a obtención de beneficios non só para a industria armamentística, senón tamén para a enxeñaría, a construción e as empresas de subministración relacionadas, a alta tecnoloxía, a enerxía e numerosos outros sectores.
O xenocidio israelí, ao que agora seguirá o Consello do Xenocidio, son laboratorios macabros para a nova modalidade de acumulación de capital transnacional. O Departamento de Estado de EEUU referiuse ao novo réxime mundial impulsado polo bloque capitalista hexemónico como Pax Silica. Oriente Medio converteuse nun corredor rexional para a Pax Silica baseado nunha alianza israelí-petrodictatorial que debía consolidarse a través do Consello do Xenocidio inaugurado por Trump na reunión do Foro Económico Mundial de xaneiro de 2026.
Israel é unha potencia tanto en tecnoloxías dixitais como militares, combinando ambas as na súa represión dos palestinos. O plan de «paz» de 20 puntos para Gaza presentado en outubro de 2025 implicaba a «reurbanización» de Gaza, incluído un «goberno moderno e eficiente propicio para atraer investimentos» e o establecemento dunha «zona económica especial» -unha linguaxe #estándar para abrir a Franxa ao saqueo e control capitalista transnacional. Esta nova fervenza de investimentos esperada, non só en Gaza senón en todo Oriente Medio, dependía de «resolver» primeiro o conflito de Gaza mediante un cesamento do fogo e logo expandir os Acordos de Abraham que, en palabras do vicepresidente norteamericano J.D. Vance, achandarían o camiño «para alianzas máis amplas para Israel en Oriente Medio mesmo mentres relega a un segundo plano a cuestión palestina».
A medida que Israel pasa dun xenocidio de alta intensidade a un de baixa intensidade en Gaza, o Consello pretende abrir a Franxa ao seu gas e petróleo, ás súas propiedades fronte ao mar e ao seu potencial turístico. Pero a súa misión principal é converter Gaza nun centro para o eixo público-privado do poder onde a tecnoloxía e as finanzas teñan o camiño libre para desenvolver un feudo capitalista soberano. Arrasar a Franxa foi enormemente rendíbel. Dous anos de destrución deben ser seguidos agora pola bonanza -a «reconstrución»- liderada polo complexo capitalista hexemónico.
A verdadeira magnitude do plan capitalista global para Gaza non se revelou no plan de 20 puntos senón no plan Gaza Reconstruction, Economic Acceleration and Transformation (GREAT), unha proposta do goberno norteamericano que se filtrou á prensa antes do acordo de cesamento do fogo. É neste documento onde se expón a macabra visión dun centro de alta tecnoloxía para a Pax Silica.
O plan GREAT pedía unha saída «voluntaria» dos palestinos a outro país, unha serie de megacidades de alta tecnoloxía impulsadas por IA, e unha autoridade palestina sipaia non especificada que se uniría ao Acordo de Abraham. Os palestinos aos que se lles permitise quedar servirían como funcionarios públicos, profesionais e traballadores manuais estritamente controlados mediante vixilancia biométrica israelí, postos de control, seguimento de compras e programas educativos sionistas que promoven a normalización con Israel, oficializando así a ocupación do réxime israelí e a súa administración do campo de concentración. Na visión GREAT, a Franxa débese converter no punto de apoio e a porta de entrada para o que denominou unha «nova arquitectura abrahámica».
Gaza foi a primeira guerra de IA do século XXI, un xenocidio algorítmico. Se o Trumpismo Global sae gañando (o que é dubidoso tras a case segura derrota no Golfo Pérsico), Gaza converterase agora no campo de probas das clases dominantes para gobernar mediante o autoritarismo tecnocrático, o sangue e o capital. Entre os 60 países que Trump convidou á reunión de Davos en xaneiro de 2026, uns 25 países asinaron inicialmente o Consello, entre eles Indonesia, Arabia Saudita, Exipto, Xordania, Turquía, Paquistán, Qatar e os Emiratos Árabes Unidos. Nin Rusia nin China vetaron a resolución do Consello de Seguridade da ONU para aprobar o establecemento do Consello. A inclusión de Israel e Netanyahu no Consello non podería ser unha exposición máis cínica da farsa.
Neste momento, o fráxil cesamento do fogo entre Washington e Teherán segue sendo inestábel, sen avances nas negociacións pero sen retroceso de Irán. Entrementres, só en 2025, baixo o pretexto de «seguridade», Israel atacou seis países, incluídos Palestina, Irán, O Líbano, Qatar, Siria e Iemen. Tamén lanzou asaltos contra flotillas de axuda humanitaria que se dirixían a Gaza en augas territoriais de Tunes, Malta e Grecia. Ao entrar agora no terceiro mes da súa guerra contra Irán –librada xunto cos EUA– está a converter o sur do Líbano nunha segunda Gaza.
Tampouco non houbo tregua no xenocidio de baixa intensidade –ao contrario, Israel ameaza con volver á alta intensidade. Os ataques contra Gaza aumentaron de feito un 35 por cento desde o cesamento do fogo con Irán. Non hai xeito de predicir o resultado do actual conflito rexional, pero sen dúbida todo o panorama rexional e global xa está a ser remodelado radicalmente mentres o sistema capitalista global continúa rachando baixo o peso das súas explosivas contradicións. A guerra contra Irán e o asalto israelí ao Líbano amplían os obxectivos políticos e a dinámica do xenocidio de Gaza a toda a rexión. Entrementres, os palestinos seguirán resistindo como o fixeron durante máis dun século.
[Artigo tirado do sitio web La Haine, do 3 de xuño de 2026]