Carril empraza a abrir un debate para a convocatoria de folga xeral

Chama a “sermos valentes para recuperar os dereitos laborais e sociais”

Nacional -

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que foi o encargado de clausurar o VII Congreso da federación Banca, Aforro, Seguros, Oficinas e Centros de Chamadas, denunciou o avance da precariedade e da represión no Estado español e emprazou a abrir un debate para a convocatoria dunha folga xeral coa que exixir a recuperación dos dereitos laborais e sociais arrebatados á clase traballadora so pretexto da crise.

Carril arrincou a súa intervención agradecendo as delegadas e delegados asistentes o traballo desenvolvido pola federación nos últimos anos e, en concreto, o feito polo secretario nacional saínte, Clodomiro Montero.

Lembrou que con este congreso culmina para a CIG-Banca o proceso de actualización necesaria para a mellor defensa da clase traballadora galega, nun sector no que se pode ver perfectamente o retrato dos retrocesos dos últimos anos, que se traduciron en precariedade e pobreza laboral, baixos salarios e novas formas de explotación, con contratos a tempo parcial, por semanas, días ou horas. “Todo consecuencia das nefastas políticas de recorte e de retrocesos sociais por mor das reformas laborais e da negociación colectiva, primeiro do PSOE e despois do Partido Popular”, afirmou.

Carril denunciou ademais a imposición de marcos estatais de negociación colectiva que “negan ás traballadoras/es o dereito democrático á defensa das súas condicións de traballo e elevan ás burocracias sindicais a negociación das nosas condicións de vida, en menoscabo dos ámbitos galegos de negociación, mesmo estrangulando os convenios provinciais e de sector”.

Espoliación dos nosos recursos

Xunto a isto, o secretario xeral da CIG denunciou a espoliación e depredación dos nosos recursos naturais, enerxéticos e mesmo económicos. A este respecto lembrou como, no seu momento, no marco da restruturación do sistema financeiro, se autorizou primeiro a privatización e despois a venda ao capital internacional das antigas caixas de aforro “impedindo e dificultando termos instrumentos financeiros galegos cos que poidamos favorecer o desenvolvemento económico e social da nosa nación”.

Un proceso que, segundo lembrou, provocou a destrución de centos de postos de traballo a través de EREs, no sector financeiro e de deslocalización da actividade, nos centros de chamada. “Son esas cicatrices da crise económica, que é unha auténtica estafa social que se prolonga no tempo, ás que lle demos resposta desde a CIG, coa firmeza, coherencia, decisión, mobilización e loita que caracteriza o noso modelo sindical”.

Novos desafíos

Paulo Carril lembrou a “xornada exemplar en dignidade” exercida polas mulleres na pasada folga do 8 de marzo e as mobilizacións convocadas o Día da Clase Obreira Galega. Mobilizacións que considerou que “nos chaman a intensificar a loita e a tomar novas iniciativas mobilizadoras”.

Un desafío que adiantou que enfrontará a CIG e que pasa por “máis e mellor organización sindical; máis e mellor capacidade de afiliación e de termos unha estrutura asentada nos centros de traballo con máis delegados e delegadas sindicais, achegando aí as nosas alternativas”. Para iso chamou a “sermos valentes, sermos atrevidos e atrevidas precisamente na organización da conflitividade que existe no noso país para recuperar os dereitos laborais e sociais, conscientes de que non o temos nada fácil”.

Así, alertou da “terrible” situación social que atravesamos, co PP no Estado e en Galiza e cunhas “teóricas forzas de esquerdas incapaces de virar un milímetro as políticas de Raxoi pese a ser un goberno en minoría no Parlamento español”. Mais tamén criticou con dureza a CCOO e UGT polo papel que cualificou como “servil e submiso” por editar, cada día máis capítulos “desa lacra do pacto social que nos está levando a que se consolide unha situación social sen saída, cun entreguismo e cuns recortes das liberdades públicas impresionante”.

A ese respecto lembrou os episodios máis recentes dese pacto social, nomeadamente a sinatura por parte destas centrais sindicais do acordo do SMI que “consolida a pobreza laboral no futuro”, lexitimando ademais a “un goberno corrupto coa súa sinatura”. E lembrou tamén o acordo asinado a semana pasada por CCOO e UGT co goberno do PP, que desliga a suba salarial na función pública do IPC e a liga á evolución do PIB. Un acordo que lles valeu “aínda por riba para facer caixa” xa que asinaron un acordo simultáneo que lles reporta millóns de euros para formar os seus cadros sindicais. “Esta é a realidade que temos por diante da que non nos entran calafríos, senón máis ben motivación e indignación”.

Represión social

O secretario xeral da CIG denunciou ademais o “contexto de brutal represión” no que vivimos “con gobernantes e clases dirixentes, económicas e políticas, que se enriquecen a costa da corrupción, do saqueo da clase traballadora, do espolio de nacións sen estado no Estado español, mentres reprimen a traballadores e traballadoras por defender os seus dereitos”. Represión da que puxo como exemplo o caso de Carlos e Serafín, compañeiros da comarca de Vigo que están a piques de entrar na cadea por facer piquetes informativos nunha folga do transporte, pola negativa reiterada do goberno español a concederlles un indulto.

Unha represión que cualificou como “desmedida” para quen “apostamos por rachar o poder do capital e unha estrutura de Estado que na Constitución do 78 blinda a explotación de clase” e para quen “defendemos a emancipación nacional, o dereito de autodeterminación das nosas nacións”. Unha “criminalización” á que se opuxo reafirmando a solidariedade internacionalista da central sindical con Catalunya e exixindo a liberdade “urxente e inaprazábel” dos presos políticos.

Mobilización de xubilados/as e pensionistas

Paulo Carril lembrou que no acto de entrega dos Premios do 8 e 10 de Marzo se puido ver a capacidade de mobilización e loita que teñen os homes e mulleres da CIG. Capacidade que están agora mesmo demostrando as traballadoras e traballadores de Xustiza, que levan xa 68 días en folga, mais tamén as e os xubilados e pensionistas.

Sobre esta cuestión quixo facer unha matización polo carácter que están adquirindo estas mobilizacións. “Parece que agora os axentes convocantes, como vimos no 8M, son os medios de comunicación que, nun chamamento a mobilización desvestido de calquera condición de clase e territorio, de calquera vinculación organizativa, irrompen como sempre fixo o capital, ensalzando e erguendo loitas para, precisamente, baleiralas de contido e facelas inofensivas”.

Fronte a isto chamou a ter a cabeza ben alta porque “a CIG, fomos en solitario a unha folga xeral no 2011 contra unha reforma das pensións que provocou que hoxe pensionistas saian a protestar”. Lembrou que a situación na que hoxe se atopa este colectivo é consecuencia desa reforma feita polo PSOE e firmada por UGT e CCOO, igual que a reforma do 2013 que fixo o PP”.

Reformas que, subliñou, “desligan o incremento das pensións do IPC, aumentan os anos para poder xubilarse, aumentan o número de anos para o cálculo da pensión e introducen o factor de sustentabilidade”.

Por iso denunciou a hipocrisía destas centrais sindicais que agora saen á rúa a mobilizarse cando teñen unha grande responsabilidade na situación que padece hoxe o colectivo de xubilados/as e pensionistas e na que padecerán quen se xubilen en diante.

Emprazamento a debater sobre a convocatoria de folga xeral

O secretario xeral da CIG adiantou as delegadas e delegados asistentes ao congreso da CIG-Banca a decisión acordada polo Consello Confederal de abrir primeiro un debate interno para, diante da situación de empobrecemento xeneralizado da clase traballadora, da “intolerábel” situación de represión e do intento de desmantelar o sistema público de pensións, responder “facendo como fixo sempre a clase obreira: a través dunha folga xeral”.

Asegurou que a CIG seguirá mobilizándose fronte todos estes ataques “coa credibilidade” que ten que mantivo unha posición coherente en todo momento e chamou a sumarse a quen queira. “Se alguén quere recoller a luva que a CIG bota, igual que fixemos en 2011, estamos dispostos a facerlle sitio neste lado da trincheira”. Un sitio que pasa, segundo aclarou, por exixir a derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións.

Carril rematou salientando que foi por mor da coherencia mantida pola CIG na defensa dos dereitos da clase obreira galega polo que hoxe a central sindical a primeira central sindical en número de afiliados e afiliadas; a primeira central sindical en número de delegados/as na Galiza e a primeira organización en capacidade de mobilización, encabezando non só a loita laboral, senón tamén a loita social.

Agradeceu ás delegadas e delegados o seu traballo asegurando que, como dicía Castelao, “sodes o verdadeiros heroes que fan que as ideas sexan realidades” e os emprazou a seguir loitando para que na Galiza “poidamos ter algo tan básico como o dereito a vivir e traballar dignamente no noso país sen termos que emigrar”.

 

Volver