Parte do comité de Vulcano solicita reunión urxente con Industria pola crítica situación do estaleiro

A compañía viguesa do sector naval encadea xa varios anos sen apenas carga de traballo

Vigo -

Os representantes da CIG e da UGT no comité de empresa do estaleiro vigués Vulcano veñen de presentar unha solicitude de entrevista urxente co conselleiro de Industria, Francisco Conde, para analizar a gravísima situación que padece a compañía e abordar o seu futuro tras encadear varios anos sen apenas carga de traballo.

Segundo explican dende as dúas centrais sindicais, a decisión de solicitar unha reunión co responsábel autonómico foi adoptada ante a gravidade da situación que vive Vulcano como consecuencia da falta de carga de traballo e que obrigou a encadear máis dunha ducia de ERE. De feito, o último presentado pola compañía viguesa remate este mesmo mes.

Ademais, a falta de encargos reduciu drasticamente o número de traballadores/as na empresa, polo que o cadro de persoal está formado nestes momentos por pouco máis de 80 persoas.

Esta situación levou ao comité de empresa (CIG, CCOO e UGT) a iniciar unha serie de xestións encamiñadas a garantir a supervivencia futura do estaleiro. Así, unha representación do cadro de persoal acudiu recentemente ao Parlamento galego para reclamarlle aos distintos grupos políticos que promovan iniciativas en defensa da empresa.

Volver