Convocado paro parcial na empresa Vertifil de Moraña para reclamar melloras e rexeitar os despidos

Tera lugar este mércores día 8 de 5:00 a 7:00 e de 13:00 a 15:00 horas
Moraña - 06 Nov 2023

O comité de empresa de Vertifil vén de anunciar a convocatoria dunha xornada de folga parcial este mércores día 8 para reclamar unha serie de melloras laborais rexeitar os despidos e a redución do cadro de persoal.

Dende a representación sindical (3 delegados/as da CIG e 2 da CUT) chaman os 69 traballadores/as da empresa a secundar unha medida que chega tras os intentos de negociar coa dirección a paralización das rescisións de contrato, contra as que se realizaron xa varias mobilizacións e se presentaron demandas xudiciais. 

A convocatoria chega tras os infrutuosos intentos de negociar coa empresa

Mais tamén que se respecten os ratios de persoal por seccións, se adecúen as categorías profesionais, se free o aumento inxustificado dos ritmos e das cargas de traballo e se adapten os salarios á actividade e o desenvolvemento profesional na empresa. “Pero a empresa só nos dá largas ou a calada por resposta, polo que entendemos que non ten intención de chegar a ningún acordo nestas materias”, sinalan dende o comité.

Por iso convocar varias asembleas para abordar a situación co cadro de persoal, tras as que se decidiu convocar este primeiro paro para forzar a compañía a negociar un acordo de melloras que satisfaga as reivindicacións das persoas traballadoras. Un paro que afecta a todo o persoal do centro de traballo de Moraña e que se desenvolverá de 5:00 a 700h e de 13:00 a 15:00 horas.

Fabricación de tecidos

Vertifil leva a cabo todo o proceso produtivo destinado á fabricación de tecidos screen para a protección solar no sector de compañías téxtiles de confección de cortinas, toldos, tapicería, hamacas e mobiliario exterior, así como tecidos fitnice para revestimentos de chan e paredes.

A empresa de Moraña realiza o proceso produtivo de fabricación de tecidos que lle encarga a compañía do seu grupo empresarial Vertisol Internacional SA, con sede en Granollers (Barcelona), para a súa venda ao seu cliente final.

O principal cliente ao que Vertisol Internacional vende os tecidos fabricados por Vertifil é Bandalux Industrial, cliente que antigamente formaba parte do mesmo grupo empresarial familiar, e que ten tamén unha planta en Moraña, na que Vertifil entrega gran parte da produción por encargo de Vertisol.