A Xunta de Persoal do 061 denuncia que a negociación do traslado está paralizada

Reclaman información do cronograma ‘estrito’ de traslado

Nacional -

A Xunta de Persoal do 061 denuncia a paralización das negociacións sobre as condicións do traslado do persoal ao Centro Integrado de Atención as Emerxencias da Estrada, logo de que desde a administración non se convocara unha nova xuntanza, malia as súas reiteradas solicitudes, desde o pasado 12 de xaneiro.

Segundo explica a Xunta de Persoal do 061, o pasado 12 de xaneiro celebrouse unha primeira xuntanza que cualifican como “simple toma de contacto”, na que non se abordaron as cuestións relativas as condicións do traslado, a pesar de que a administración dispoñía por escrito das peticións dos traballadores desde maio de 2017.

Nesa mesma xuntanza a administración anunciou unha segunda reunión en aproximadamente 15 días. Transcorrido ese período sen nova algunha, a propia Xunta de Persoal contactou coa dirección do 061 para reclamar a reunión prometida. Mario Otero, presidente da Xunta de Persoal explica que desde a dirección do 061 xustificouse o atraso pola “necesidade de manter reunións internas entre diferentes departamentos da administración da Xunta de Galicia”.

Pasados dous meses desde a primeira reunión, o pasado 15 de marzo a Xunta de Persoal solicitou por escrito ao Xerente do Servizo Galego de Saúde e ao Xerente da Fundación 061 que convocasen a mesa de negociación de forma inmediata.

Cronograma de traslado

Entre mentres, o Conselleiro de Sanidade manifestou a mediados de febreiro que se traballaba nun "cronograma estrito de traslado" do 061 ao CIAE da Estrada, unha información que foi posteriormente confirmada polo portavoz do partido popular na Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego.

“Os traballadores do 061 descoñecemos completamente dito cronograma e non entenderíamos un cronograma de traslado que non teña como punto de inicio un acordo sobre as condicións de traslado a estas novas instalacións”, afirma Otero, quen engade que “tampouco entenderíamos que non foran os traballadores afectados os primeiros en coñecer dito cronograma”.

Ante todo isto a Xunta de Persoal entende que a Consellería de Sanidade ou ben ten paralizado o traslado do 061, ou ben traballa nel as costas dos profesionais afectados repetindo os erros cometidos pola Vicepresidencia da Xunta de Galicia no traslado do 112.

Lembran que o traslado do 061 ao CIAE afecta a unhas 180 familias dos traballadores/as da Fundación Pública 061 e de Grupo Norte, empresa que ten a contrata de operación telefónica da Central de Coordinación do 061.

Volver