Paradas no soporte informático do Sergas pola convocatoria de folga en Tecnocom

É a empresa concesionaria do servizo, ubicada en Conxo, onde traballan 18 persoas
Compostela - 23 Ago 2016
A CIG vén de convocar folga en Tecnocom os días 1, 2 e 5 de setembro. A empresa, para a que traballan 18 persoas, está ubicada na parroquia santiaguesa de Conxo e ten a concesión do servizo de soporte informático do Sergas. Este servizo é o apoio técnico máis inmediato para os profesionais do sistema sanitario.

Os traballadores/as, que desenvolven a súa actividade en xornadas de 24 horas, sete días á semana, cobran entre 700 e 850 euros e reclaman que a empresa negocie as compensacións por traballar en festivos, xornadas de verán e demais e o mantemento das quendas que se realizaban antes da súa modificación unilateral por parte da empresa.

Tras o persoal de Tecnocom reclamar a compensación por un festivo traballado, a empresa procedeu a unha modificación unilateral das quendas. Isto derivou na presentación dun conflito colectivo a raíz do que ambas partes acordaron abrir un período de negociación.

Porén Tecnocom limitouse a propor unha nova modificación de quendas sen querer entrar en ningún momento a tratar como se  compensan os festivos ordinarios e os festivos especiais (por exemplo, Nadal, Ano Novo…) ou a xornada de verán. A negativa da empresa a sentarse a negociar estes aspectos concretos foi a que obrigou aos traballadores a acordar a convocatoria desta folga.

 A CIG témese que estas modificacións de quendas poidan estar motivadas como represalia pola solicitude de compensación dos festivos. Non consta que haxa ningunha reclamación presentada polo servizo prestado polos traballadores/as nin tampouco que o Sergas fixera ningún tipo de requirimento neste sentido.

Os traballadores/as lamentan que os principais afectados por estes paros sexan os profesionais do Sergas e por extensión os pacientes. Unha situación da que a CIG responsabiliza á empresa pola súa actitude inmobilista.