Palestina clama por unha solución

Soraya Misleh - 09 Xun 2017

A idea dos dous Estados como única saída, se non abonda con ser inxusta, por non contemplar a totalidade do pobo palestino -incluída aí a maioría que está fóra das súas terras e o millón e medio que vive nos territorios de 1948 (hoxe Israel) e son sometidos a leis racistas-, volveuse absolutamente inviábel fronte ao avance da colonización e do apartheid israelí tras Oslo

Fronte á continua colonización de terras e do réxime institucionalizado de apartheid por parte de Israel, suscítase un tema fundamental: cal é a solución xusta para a cuestión palestina, que xa dura case 70 anos? A síntese histórica e a realidade son esclarecedoras.

 O estado de Israel foi creado unilateralmente o 15 de maio de 1948, mediante a limpeza étnica deliberada do pobo palestino. A creación dun Estado homoxéneo, exclusivamente xudeu, en terras palestinas -esencia do proxecto sionista, cuxo movemento xurdiu contra finais do século XIX- culminou na expulsión de 800.000 palestinos das súas casas e a destrución de aproximadamente 500 aldeas. A sociedade palestina foi destruída e fragmentada, orixinando o problema dos refuxiados (hoxe, 5,1 millóns en campos nos países árabes veciños). Por esta razón, ese momento constitutivo da historia contemporánea de Palestina é denominado polos árabes en xeral como nakba (catástrofe).

 A división en dous Estados -recomendada pola Asemblea das Nacións Unidas o 29 de novembro de 1947, presidida polo brasileiro Oswaldo Aranha- abriu camiño para a execución dos plans militares trazados polo movemento sionista para tal limpeza étnica, como comproba o historiador israelí Ilan Pappé no seu libro A limpeza étnica de Palestina. Israel quedaría, de acordo coa división, con 56% do territorio, malia que daquela apenas o 30% dos habitantes eran xudeus, até despois das vagas de inmigración de hordas europeas como parte dos seus plans de colonización e poboamento local. Porén, o Estado foi creado nun 78% da Palestina histórica, demostrando que o intento sionista nunca foi contentarse con menos que todo o territorio e a expulsión de toda a poboación non xudía. En 1967, Israel ocupou, durante a chamada Guerra dos Seis Días, o 22% restante de Palestina, ou sexa, Cisxordania, Gaza e Xerusalén Oriental. Na proposta dos dous Estados, este sería o quiñón destinado aos palestinos.

 Tal “alternativa” pasou a ser aceptada formalmente pola Organización para a Liberación de Palestina (OLP) en 1988. Creada o 28 de maio de 1964, baixo o liderado de Iasser Arafat, ela abriu man, así, da súa reivindicación histórica, que consta na súa carta de principios, de formación dun Estado único palestino, laico, libre, democrático e non racista. Ao final da primeira Intifada palestina (levantamento popular), iniciada en 1987, foron asinados en setembro de 1993 os acordos de Oslo entre a OLP e Israel, coa intermediación dos Estados Unidos, sobre a base desa idea.

Segunda Nakba

 Mesmo cando algúns palestinos, a partir daquela deron en apoiar esa proposta -non por entendela xusta senón porque non ven outra saída-, outros non por casualidade refírense a esa ocasión como unha “segunda nakba” e unha rendición por parte da OLP. O intelectual palestino Edward Said denunciou de inmediato o acordo, denominándoo “Tratado de Versalles da causa palestina”. Non podería ter atinado máis. A Autoridade Nacional Palestina (ANP), constituída a partir de Oslo, sen ningunha autonomía, con cooperación de seguridade e dependencia económica integral de Israel, pasou a administrar a ocupación. Iso facilitou a colonización de terras, que se ampliou significativamente. Entre 1993 e 2000 -como sinala a xornalista Naomi Klein no seu libro A doutrina do choque-, o ascenso do capitalismo de desastre, o número de colonos israelís duplicouse.

 Como demostra a autora, Oslo foi un punto de viraxe nunha política que sempre tivo na súa base a limpeza étnica dos palestinos. Desde 1948 até aí, había certa interdependencia económica, a cal foi interrompida. “Todos os días, preto de 150.000 palestinos deixaban as súas casas en Gaza e en Cisxordania para limparen as rúas e construíren as autoestradas en Israel, ao mesmo tempo que agricultores e comerciantes enchían camións con produtos para vender en Israel e noutras partes do territorio”, describe Klein na obra. Despois dos acordos de 1993, o Estado xudeu pechouse para esa man de obra que desafiaba o proxecto sionista de exclusión desa poboación.

 Simultaneamente, Israel pasou a presentarse, nas palabras da xornalista, “como unha especie de shopping center de tecnoloxías de seguridade nacional”. No seu libro, a autora afirma que, a finais de 2006, ano da invasión israelí ao Líbano, a economía do Estado sionista, baseada fortemente na exportación militar, expandiuse vertixinosamente (8%), ao mesmo tempo que se acentuou a desigualdade dentro da propia sociedade israelí, e as taxas de pobreza nos territorios palestinos ocupados en 1967 alcanzaron índices alarmantes (70%).

“Campo da paz”

 Agochando ese escenario, a solución dos dous Estados segue a ser promovida pola chamada “esquerda” sionista, que se presenta ao mundo como o “campo da paz”. “Noutras partes do mundo, tal significaría necesariamente unha plataforma socialdemócrata ou socialista, ou polos menos, unha preocupación acentuada cos grupos social e economicamente desfavorecidos nunha dada sociedade. O campo da paz en Israel concentrouse enteiramente nas manobras diplomáticas desde a guerra de 1973, un xogo que ten pouca relevancia para un número crecente de grupos”, sinala Ilan Pappé en Historia da Palestina moderna.

 Nun comentario sobre a publicación “Falsos profetas da paz”, de Tikva Honig-Parnass, o Oxan (Rede Internacional de Xudeus Antisionistas) demostra que historicamente a “esquerda” sionista estivo tan alineada co proxecto de colonización de Palestina como a dereita. “Como ese libro mostra, desde antes da fundación do Estado de Israel, a esquerda sionista falou demasiadas veces a lingua do universalismo, mentres axudaba a crear e manter sistemas xurídicos, gobernos e o aparello militar que permitiron a colonización de terras palestinas”.

 A raíz desa esquerda está no chamado “sionismo laborista”, constituído a comezos da colonización, a finais do século XIX e inicios do XX. Os seus membros reivindicaban a aspiración de principios socialistas e cultivaban, como informa o texto do Oxan, deliberadamente, esa falsa idea. Os xornais dos laboristas da época demostran a súa intención non declarada: asegurar a “transferencia” dos habitantes nativos (árabes non xudeus na súa maioría) para fóra das súas terras e a inmigración de xudeus vindos de Europa para colonizar Palestina -un eufemismo para limpeza étnica-. “Nun dos seus momentos máis francos, David Ben-Gurion, principal dirixente dese grupo e xefe do movemento obreiro sionista (que sería primeiro ministro de Israel en 1948), confesou en 1922 que ‘a única gran preocupación que domina o noso pensamento e actividade é a conquista da terra, a través da inmigración en masa (aliá). Todo o resto é apenas unha fraseoloxía’”. O artigo cita outra observación de Honig-Parnass: “No 20° Congreso Sionista, en 1937, Ben-Gurion defendeu a limpeza étnica de Palestina (…) para abrir camiño á creación dun Estado xudeu”.

 Independientemente de se autodenominar de “esquerda”, de “centro” ou de “dereita”, o sionismo visaba a conquista da terra e do traballo, que sería exclusivo dos xudeus. Para iso, a central sindical israelí Histadrut -aínda existente e base do Estado colonial, propietaria de empresas que explotan palestinos- tivo un papel central, e o seu fortalecemento é defendido por sionistas de “esquerda”. Noutras palabras, a diferenza entre os laboristas e os revisionistas (como Netanyahu) é que os últimos eran -e continúan a ser- máis francos.

 O único partido, hoxe, que se autodenomina sionista de esquerda é o Meretz, creado nos anos 1990. Como ensina Ilan Pappé en Historia da Palestina moderna, o novo grupo de “pombas pragmáticas” xurdiu da fusión do “movemento de dereitos civís de Shulamit Aloni, un partido liberal de liña dura chamado Shinui (‘cambio, mudanza’) e o partido socialista Mapam”. O autor engade: “Pragmatismo neste caso significa unha veneración tipicamente israelí de seguridade e disuasión, non un xuízo de valor sobre a paz como concepto preferido, nin recoñecemento do seu propio papel na creación do problema”.

 A “esquerda” sionista apoiou a invasión de Israel ao Líbano en 2006 e subsecuentes ofensivas en Gaza, agás a operación terrestre en 2014. A súa xustificación é que non curestionan o dereito de “defensa2 de Israel. É o que conta Honig-Parnass en artigo publicado en The Palestine Chronicle. Durante o masacre en Gaza hai un ano e medio, informa a autora, o Meretz negouse a participar dunha manifestación conxunta con árabes-palestinos contra a ofensiva e pola fin do cerco a Gaza, porque cuestionaba ese “dereito”. No seu artigo, Honig-Parnass cita a declaración dunha dirixente do Meretz, Hain Orom, respecto diso: “A nosa posición é esencialmente diferente do denominador común daqueles grupos que organizaron a manifestación: Meretz apoia a operación en Gaza. Eses grupos non aceptan o dereito básico de autodefensa do Estado de Israel, o que nós apoiamos. A masiva maioría do partido votou pola operación e por unha resolución en oposición ao acto terrestre”.

 Enarborándose a favor da paz, a “esquerda” sionista intenta apagar ou xustificar a Nakba. Xustifica a afirmación sobre a natureza democrática dun Estado xudeu e defende a lóxica de “separados, pero iguais”.

 A idea dos dous Estados como única saída, se non abonda con ser inxusta, por non contemplar a totalidade do pobo palestino -incluída aí a maioría que está fóra das súas terras e o millón e medio que vive nos territorios de 1948 (hoxe Israel) e son sometidos a leis racistas-, volveuse absolutamente inviábel fronte ao avance da colonización e do apartheid israelí tras Oslo. Gaza e Cisxordania están totalmente segregadas e o que se ten nesta última área é un territorio recortado, sen conexión entre unha cidade e outra. Rutas exclusivas que interconectan os asentamentos tamén se ampliaron nos territorios ocupados.

 Hoxe, pensar nesta proposta sería semellante a lexitimar o réxime institucionalizado de apartheid, cun Estado dividido en bantustáns, sen ningunha autonomía, en menos de 20% do territorio histórico de Palestina. Esta “solución” está enterrada, como recoñecen especialistas no tema do porte de Ilan Pappé, e cómpre desenmascarar o seu significado.

 

[Artigo tirado do sitio web Kaos en la red, do 4 de xuño de 2017]