Pacto de empresa en Copo Galicia permitirá rematar coa histórica fenda salarial do 17%

A compañía do sector da automoción con sede en Mos accedeu a mellorar as condicións laborais, o que permite a desconvocatoria da folga prevista
Mos - 09 Xun 2026

O pacto de empresa acordado esta tarde pola representación sindical e a dirección de Copo Galicia foi ratificado en asemblea polo persoal da compañía de automoción con sede en Mos, o que permite desconvocar as seis xornadas previstas os días 10, 12, 16, 18, 23 e 25 de xuño. O acordo supón unha importante mellora das condicións laborais, sobre todo no que respecta ás histórica fenda salarial do 17% entre homes e mulleres ao contemplar un incremento de soldos do 23,25% en tres anos para as operarias da sección de téxtil.

As partes chegaron finalmente a un entendemento tras varias xuntanzas, de xeito que a folga cuxo inicio estaba previsto para as 22:00 horas de hoxe queda finalmente desconvocada por decisión da asemblea de persoas traballadoras, que aceptou o contido dun acordo que contempla tamén seis conversións de contrato de ETT a empresa por ano ou unha redución de xornada de oito horas en 2027 para téxtil. 

Os incrementos supoñen para as operarias do téxtil un 23,25% de aumento en tres anos, pasando dun salario base anual de 18.046,00 euros en 2026 a 22.566,00 euros en 2028

En canto as licenzas, súmanse cinco horas máis para consulta médica e outras cinco no caso de que o absentismo non supere o 9%. Tamén se incorpora o seguro accidentes de 20.000 euros para todo o cadro de persoal.

No que ten que ver cos salarios, a nocturnidade será do 30% do soldo. Para a sección de téxtil establécese un incremento lineal de 100 euros a 14 pagas en 2026, de 150 a 14 pagas en 2027 e de 250 a 14 pagas en 2028. E para todo o cadro de persoal fíxase unha paga de 300 euros este mes, de 50 euros a 12 pagas en 2027 e de 60 euros a 12 pagas en 2028. Mentres que a axuda escolar será de 100 euros, ou de 300 en caso de crianzas con discapacidade.

Os incrementos supoñen para as operarias do téxtil un 23,25% de aumento en tres anos (6,10%+6,79%+10,37%), pasando dun salario base anual de 18.046,00 euros en 2026 a 22.566,00 euros en 2028. As melloras pactadas non son compensábeis nin absorbíbeis nos correspondentes convenios de aplicación e nos incrementos que se pacten na negociación colectiva.

Equiparación co resto do sector

Dende a representación sindical da CIG valoren moi positivamente un acordo que permitirá no prazo de dous anos e medio “rematar coa histórica fenda salarial do 17% en Copo Galicia, á vez que se lograron melloras para a totalidade do cadro de persoal e das persoas contratadas por ETT”.

Neste senso, salientan que o cambio de posición da empresa foi posíbel grazas á determinación da totalidade das persoas traballadoras, ás concentracións desenvolvidas este mes e á decisión unánime de convocar folga. “Un traballo colectivo que hoxe culminou coa aprobación por maioría na asemblea de persoas traballadoras, conscientes de que este é o inicio dun camiño de equiparación co resto do grupo e do sector ao que pertencen”.