Óscar García Maseda, elixido novo secretario da Unión Local da CIG das Pontes

A VI Asemblea celebrada esta tarde tamén elixiu á nova Executiva
As Pontes - 25 Mai 2018

A VI Asemblea da Unión Local da CIG das Pontes elixía esta tarde como novo secretario a Óscar García Maseda, nun proceso no que tamén se renovou a Executiva local. Para ambos organismos presentouse unha única candidatura, encabeza por García Maseda, que obtiveron 24 votos a favor e unha abstención.

Deste xeito, a nova Executiva da Unión Local da CIG das Pontes queda conformada polas seguintes persoas:

1. Óscar García Maseda

2. Ana María Guerreiro Blanco

3. Xosé Manuel Meizoso Vilasuso

4. Iria Bellas Trasancos

5. Antonio Teruel Fresco

6. Sonia Feal Cendán

7. Alberte Amado Tallón

Chamamento á folga xeral

Na súa intervención xa como novo secretario da Unión Local, Óscar García salientou as "gañas de traballar" a prol dos dereitos da clase obreira, coas que a nova Executiva afronta o próximo mandato, nun contexto marcado pola precarización, a explotación e a pobreza laboral xeradas polas reformas e recortes impostos ao longo destas últimos anos.

Unha realidade á que "As Pontes non é allea", denunciou García Maseda, quen chamou a atención sobre a "situación de emerxencia laboral, social e produtiva" que padece a bisbarra. Denunciou a falta de chan industrial, a ausencia dun plan industrial que garanta a instalación de novos proxectos ou dun plan de emprego que garanta a inserción e adaptación ao mundo do traballo, "que fan que o futuro do noso pobo se afronte con grande incerteza".

"Pero dende a CIG non imos mirar para outro lado, como fan outros sindicatos, seguimos traballando para recuperar os dereitos que nos roubaron e para que a nosa mocidade non teña que emigrar", aseverou. E é por iso, engadiu García, "que convocamos folga xeral para o vindeiro 19 de xuño, para esixir a derrogación das reformas laborais e da negociación colectiva;  para lograr avances reais para as mulleres; para defender as pensións públicas; os servizos públicos; contra os abusos da patronal; contra o retroceso nos dereitos e liberdades públicas, etc".

Neste mesma liña abundou o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Grandal, quen tamén participou na VI Asemblea da Unión Local das Pontes.