Carril: "Os xestos non son suficientes, ou se derrogan todas as reformas ou non haberá recuperación dos dereitos"

O secretario xeral da CIG chama á mobilización continua "porque os dereitos non veñen do diálogo social nin os concede ningún goberno porque si"
Nacional - 19 Xun 2018

Baixo o lema "Xa é hora de recuperar os nosos dereitos", miles de persoas esixiron nas rúas da Galiza ao novo Goberno do Pedro Sánchez pasos firmes para a derrogación e anulación de todas as reformas antiobreiras e antisociais impostas so pretexto da crise. "Xa non valen os xestos, non valen as escusas da falta de respaldo parlamentar para non derrogar a reforma laboral. De igual maneira que se chegou a un acordo para poñer fin ao Goberno do PP, teñen que conseguir a correlación de forzas necesarias para o cambio de políticas, porque senón estaremos ante un grande engano e unha fraude".

Así de contundente se manifestaba o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, na súa intervención ao remate da mobilización realizada esta tarde na Coruña, no marco da xornada nacional de loita que a central desenvolveu nas sete cidades galegas e nas principais localidades para esixir do novo Goberno do PSOE un cambio radical de políticas. Carril instou a manter viva a loita social "porque os dereitos non veñen do diálogo social nin os concede ningún goberno alegremente". E ante a expectativa xerada polas mudanzas na Moncloa, advertiu do perigo de caer na trampa dos xestos baleiros.

Unha expectativa que, subliñou, é máis froito dun desexo de cambio tras anos sufrindo as duras políticas do PP no plano económico, social e laboral, dos recortes nos servizos públicos e nas liberdades, "que das actuacións reais do novo Goberno, que xa comezou a desdicirse do que prometeu sobre a reforma laboral". Referiuse así o secretario xeral da CIG ás declaracións realizadas polo presidente do Estado e a súa equipa, asegurando que non van botar abaixo a reforma laboral por falta de apoio parlamentar, "cando hai un mes dicían que sería unha das primeiras medidas a tomar".

Buscar a correlación de forzas necesaria

Preguntouse que postura vai adoptar o PSOE ante a morea de proposicións de lei que contemplan a supresión de moitas das reformas, que levan meses aprobadas e que o PP tiña paralizadas. A este respecto reiterou que "non valen reformiñas nin maquillaxes", que Sánchez debe buscar a correlación de forzas necesaria para o cambio de políticas ou, do contrario, estaremos ante unha moción que é unha fraude."Porque a reforma laboral debe ser totalmente derrogada e se non o fan é porque están de acordo con ela", acusou.

Neste senso, o secretario xeral da CIG recordou que o Partido Socialista "é responsábel e causante dalgúns dos recortes que tanto dano fan á clase traballadora e que a chegada do PP ao Goberno de Madrid, multiplicou".  Tal é o caso da reforma laboral de Zapatero de 2010 (contra da que se convocou folga xeral) ou a reforma das pensións de 2011, que contou co apoio de UGT e CCOO (e contra da que a CIG foi a unha folga xeral en xaneiro dese ano).

A falacia do pacto social

De maneira simultánea ao cambio de Goberno, vemos como se escribe un novo capítulo do pacto social. "Resulta lamentábel ver outra vez o papel derrotista da UGT e CCOO", criticou. Se durante anos ambas organizacións mantiveron unha actitude conformista e pasiva, mesmo de colaboración co PP, aparecen agora falando do pacto social coa patronal e o novo Executivo.

"Mais por esa vía non virán as solucións ao empobrecemento xeneralizado, nin o remate das novas formas de contratación que escravizan as condicións de traballo, nin acabaremos cos baixos salarios e a pobreza laboral", salientou Carril. Precisou que é esa "ideoloxía perversa da concertación social o obstáculo para a recuperación dos dereitos, porque trae consigo a extensión dos efectos do cancro da reforma laboral e da negociación colectiva".

Ante esta perspectiva, Paulo Carril considerou que sería un erro imperdoábel caer na desmobilización. Por iso, a CIG chama á clase traballadora e ao conxunto do pobo galego "a rearmarnos aínda máis dende as rúas e dende os centros de traballo e demostrando a nosa disposición de loita" para esixir un calendario real de recuperación dos dereitos que permitan ter pensións e empregos dignos na nosa terra. "Que non nos confundan e que non nos enganen. Os dereitos conquístanse coa mobilización, con organización e con contestación social permanente", reiterou.

Loita social para facer realidade os cambios

O secretario xeral da CIG chamou a ter presente que estamos nunha loita de intereses de clase confrontados entre o capital e o traballo; e por iso un sindicato digno de tal nome "ou está ao servizo dos intereses da clase traballadora ou está doutro lado, co poder político e económico que se enriquece a conta da explotación da clase obreira".

"Na CIG apostamos pola loita social constante e sostida no tempo, porque é o factor clave para forzar, para facer real os cambios necesarios que levamos anos reivindicando", salientou Paulo Carril, lembrando que a central sindical suspendeu a folga xeral prevista para este 19 de xuño, ante o cambio de escenario político, pero coa premisa de retomar a convocatoria se nos vindeiros meses o Goberno do PSOE e a correlación de forzas que o fixo posíbel non poñen en marcha as medidas necesarias para reverter todas estas reformas que rouban e saquean a clase traballadora.  

Doutro xeito, en Galiza corremos o perigo de que se consolide unha situación sen saída, cunha destrución diaria dos nosos sectores produtivos e do tecido industrial, un medre constante do emprego precario no sector servizos e unha emigración interminábel que nos está a deixar sen xente nova. "Contra esta realidade, nin un paso atrás, que siga a mobilización", concluíu.