Os axentes medio ambientais adían o inicio da folga á espera dunha nova proposta

Pola súa banda, os forestais manteñen o inicio do paro indefinido para este mércores día 1

Nacional -

Os axentes medio ambientais acordaron hoxe, tras a reunión mantida coa Xunta, suspender un día a folga prevista para este mércores día 1 á espera de que a Administración autonómica lles traslade unha nova proposta que inclúa as súas principais reivindicacións. Pola contra, os forestais manteñen o paro indefinido que dará comezo mañá.

Segundo explicou a máxima responsábel do sector de Autonómica da CIG-Administración, Zeltia Burgos, ao remate da xuntanza que tivo lugar hoxe en San Caetano, a Xunta segue a presentar unha proposta “abusiva e desigual” entre o persoal adscrito á Consellaría de Medio Ambiente e o que traballa para a de Medio Rural. 

Denuncian que a Xunta presentou unha proposta abusiva e desigual

Ademais, non acepta ningunha das reivindicacións que motivaron a convocatoria de folga: non define a segunda actividade nin os coeficientes redutores da idade de xubilación en base a penosidade, toxicidade, turnicidade e especial responsabilidade dos axentes; non acepta a equiparacións salarial dentro do compoñente específico que retribúa as características especiais destes/as funcionarios/as; segue sen atender demandas básicas como a seguridade e saúde laboral; non ten en conta a posibilidade de conciliación laboral e familiar; sostén que non existe exceso horario, baseando esta afirmación en cadros teóricos e non en reais, etc).

Burgos criticou que o ton xeral da xuntanza fose de “falta de respecto, mala fe negociadora e actitude despectiva” e trasladou o malestar do comité de folga (CIG e UGT) pola actitude da Xunta e polo seu pouco afán negociador. “Pola contra, o comité de folga si que temos vontade de chegar a un acordo porque entendemos que a sociedade non pode permitirse a perda dun servizo público esencial”.

Así, anunciou que acordaron adiar a folga no caso do persoal do Servizo de Conservación da Natureza (axentes medio ambientais), “pero non só para garantir o servizo, senón tamén a seguridade e a protección destes/as traballadores/as, xa que os servizos mínimos, do 20%, só fixan unha persoa por día”. Neste senso, lembrou que aínda están pendentes de que o Xulgado decida sobre a denuncia presentada a respecto destes servizos mínimos, “para que sexan fixados atendendo a realidade do servizo”.

Detallou que a suspensión da folga sería por un día, “á espera de que mañá a Xunta nos presenta unha nova proposta que, segundo adiantaron, recollerá algunhas das nosas reivindicacións”. Finalmente, indicou que a convocatoria de folga do persoal de Medio Rural continúa sen cambios (pasando a ser indefinida a partir deste mércores día 1) porque os servizos mínimos garanten a seguridade dos traballadores/as.

Volver