Os traballadores de Veolia levan as protestas pola readmisión do compañeiro ás portas da empresa

Advirten a Inditex e á súa contrata que seguirán coa folga mentres non se atendan ás súas lexítimas reivindicacións
Arteixo - 25 Mai 2021

Os traballadores de Veolia, que están en folga indefinida dende o pasado 10 de maio, concentráronse esta mañá diante das instalacións que a empresa ten no Polígono de Bergondo para esixir a readmisión do compañeiro despedido e melloras nas súas condicións laborais e salariais. O persoal tamén lle trasladou por escrito á empresa a súa firme intención de continuar adiante coa folga e as accións de protesta, tanto en Veolia como na sede de Inditex, "mentres non se solucionen as nosas demandas".

Reivindicacións que pasan inevitabelmente pola readmisión do compañeiro despedido -nas mesmas condicións e preferentemente no centro de traballo no que desenvolveu a súa actividade nos últimos 12 anos-; que se recoñeza o dereito á subrogación do persoal que fai o servizo de mantemento asignado a Veolia, de igual maneira que xa está recoñecido para o persoal doutas contratas de Inditex; e pola negociación dun acordo laboral que inclúa un plus de centro que elimine a desigualdade retributiva dos traballadores de Veolia con respecto aos empregados/as do resto de auxiliares de Inditex.

Estas demandas remitíronllas por escrito a empresa, en resposta ao correo electrónico de Veolia amosando a súa disposición a negociar, negando calquera intención de precarizar as condicións do persoal, pero rexeitando de pleno a posibilidade de reincorporar a Rubén, xa que insiste en que se trata dunha externalización da actividade.

Ameaza constante á continuidade dos empregos

Sobre este punto, o delegado de persoal, David Fraga, lembra que o despedimento se produciu de maneira totalmente inesperada e sen ningunha información previa sobre as previsións de externalizar unha das tarefas (concretamente o mantemento dos grupos electróxenos ao que se dedicaba Rubén). "Curiosamente, esta decisión coincidiu no  tempo co reinicio dunha mesa de negociación para tratar a mellora das nosas condicións económica e laborais", apunta.

A este respecto, sinal que "non hai maior precarización que a ameaza constante de que os postos de traballo e os traballadores desaparezan da noite para a mañá, sen ningunha causa produtiva que avale esta medida. O despedimento de Rubén, argallado entre Veolia e Inditex, evidencia esa condición precaria dos nosos postos de traballo".

Por iso, Fraga reitera que calquera mellora ten que pasar pola "imprescindíbel eliminación da condición precaria e volátil dos nosos postos de traballo. É dicir, ten que pasar polo recoñecemento da subrogación. E nesta cuestión tamén ten que participar Inditex, porque é quen decide en último termo sobre as nosas condicións de traballo e sobre a continuidade dos nosos empregos".

Manifestación este venres no Polígono de Sabón

Así as cousas, os traballadores advirten que proseguirán coa folga e as mobilizacións diarias diante da sede de Inditex "até que se dea cumprida solución ás nosas xustas e lexítimas reivindicacións". Para o próximo venres, 28 de maio, teñen convocada unha manifestación ás 14:00 horas dende a sede de Inditex (na Avd. da Deputación) até a Rotonda de Sabón (na entrada do Polígono).