O persoal de Inoxidables de Rábade suspende a folga indefinida tras atinxirse un acordo coa empresa

Supón recuperar o plus salarial que a dirección retirou e incorporar melloras laborais e sociais

Lugo -

Os traballadores de Inoxidables de Rábade (Outeiro de Rei) acordaban este martes suspender a folga indefinida tras lograr un acordo que lles permite recuperar o plus económico que a empresa recortara de maneira unilateral hai uns anos, así como incorporar melloras laborais e sociais. Deste xeito, o persoal da fábrica de tubos de aceiro -do Grupo Irestal- pon fin a case mes e medio de intensas mobilizacións, que comezaron o pasado 6 de xuño con paros laborais e transformáronse en folga indefinida dende o luns 9 de xullo.

O responsábel de CIG-Industria de Lugo-A Mariña, Alfonso Losada, explica que despois do fracaso da mediación no  Consello Galego de Relacións Laborais e a renuncia da dirección da planta de Outeiro de Rei a continuar coa negociación, xusto cando se cumpría unha semana da folga indefinida que tiña paralizada a produción, o máximo responsábel do Grupo Irestal, Joaquim Boixareu, desprazouse até Lugo para facerse cargo das negociacións.

Plus consolidado fixo

Neste novo marco, e contando coa mediación do AGA, foi posíbel avanzar un acordo que establece un complemento consolidado do 10% do salario de convenio, a abonar mensualmente en 14 pagas. "Isto supón recuperar boa parte do plus que a empresa retirou no ano 2008 coa escusa da crise, pero ademais cun carácter fixo, polo que cada traballador saberá cada mes cando vai cobrar", subliña Losada. Cómpre lembrar que unha das fortes discrepancias durante as negociacións estaba precisamente na porcentaxe variábel deste plus, que a empresa pretendía que fose moito maior. Algo que os operarios non estaban dispostos a asumir.

Xunto a isto, o documento contempla outras reivindicacións do persoal como a revisión das categorías, un plan formativo -incluíndo a recuperación de 120 horas que non se ofreceron no seu momento-, a resolución dos problemas relacionados coa ventilación na factoría ou a apertura do comedor, a partir do mes de setembro.

Mobilización para recuperar dereitos

Losada valora moi positivamente o conflito e destaca a unidade e a vontade de mobilización amosada polo persoal de Inoxidables de Rábade. Para o responsábel sindical, esta loita constitúe todo un exemplo de que "xa é hora de que os traballadores e as traballadoras se mobilicen pola recuperación e a mellora dos seus dereitos. É o momento de que a clase traballadora deixe de estar á defensiva para pasar á ofensiva. E demostramos que con unidade e coa mobilización pódese lograr", asevera.   

Volver