Os traballadores de Galictio inician folga indefinida contra os incumprimentos do convenio e a modificación das condicións laborais

Ferrol - 24 Nov 2023

Os traballadores de Galictio iniciaron este venres folga indefinida en resposta aos continuados incumprimentos do convenio colectivo e á modificación substancial das condicións de traballo imposta pola empresa. Coincidindo co arranque da folga, e para dar máis visibilidade á súa loita, o persoal concéntrase dende ás 08 horas até ás 11 horas na porta principal de Navantia Ferrol.

Galictio é unha empresa de andamiaxe que traballa en diversas instalacións industriais, como os estaleiros de Ferrol ou a refinería da Coruña. A CIG-Industria denuncia que os incumprimentos do convenio provincial son continuados  tanto  en materia de pagamento de horas extraordinarias (que abona moi por debaixo do que recollen as táboas), como pola falta de pago do plus de construción e reparación de buques.

A isto hai que engadir que a empresa implantou recentemente unha modificación substancial das condicións laborais que supón que o persoal traballe a xornada partida e non en quenda continuada de mañá, como viña facendo até agora. Este sistema, subliña a CIG-Industria de Ferrol, ademais de ser totalmente improdutivo, merma o dereito de conciliación dos traballadores e traballadoras.

Tras presentar a modificación, Galictio abriu un período de consultas coa representación do persoal (tres delegados da CIG) que rematou sen acordo, por canto a empresa non xustificou debidamente a necesidade de introducir este novo sistema de xornada.

Neste contexto, o persoal acordou ir á folga indefinida (de media xornada) para reclamar que se respecten os seus dereitos e que a empresa cumpra co estabelecido no convenio de aplicación. A folga, que continuará mentres o empresario non sente negociar, supón tamén a suspensión da realización de horas extraordinarias.

"Requirímoslle á dirección de Galictio que sente coa representación do persoal co ánimo de chegar a acordo e que deixe de adoptar medidas unilaterais. O convenio está para cumprilo", aseverou o secretario comarcal da CIG-Industria, Vicente Vidal, durante a concentración realizada este venres.